O monólogo de Lorena Pinheiro, con contacontos e pandeireta, tivo lugar o venres, 4 de setembro, no polideportivo do CEIP de Sandiás. Tratouse dun contacontos pola igualdade, dirixido especialmente a un público mozo e adulto.
As historias que inspiraron a Lorena naceron na parroquia de Meder, no Fiolledo, no barrio da Carqueixa. Lorena viviu coa súa avoa Saladina e o avó, de alcume, o Rachapedras. En Meder, “chegar e encher”; chegar e meter.
Facer cartos, dar cun home aforradeiro e facer con ese home algo máis que lle dera saúde o corpo, eran os obxectivos da vida da Saladina. No de facer cartos, o oficio era estraperlista de pescozo branco. Viña de volta para casa con teas, perfumes e completaba co negocio, serio, de costureira.
No de dar cun home aforradeiro, que bonitiñas lle eran as festas e que gusto que a mirasen. A Saladina gustábanlle os homes. Era de comparar e así quedaba cun home e con outro, a falar, a namorar.
No de dar saúde o corpo, a súa pretención era quedar embarazada pero non o conseguía nin co baño de ondas da praia da Lanzada, nin ca pedra de abalar de Muxía. Pero a súa amiga Celsa díxolle que estaba a solución máxica no Ciprianillo.
E contounos Lorena outras moitas historias entre pandeiretadas. Historias de como se chegou ao alcume da Mula, o cura milagreiro quita demos e o bisón tratante de de porcos, entre outras moitas.