A Cámara Oficial Mineira de Galicia organiza a visita guiada e dirixe a actividade o xeólogo Eduardo González Clavijo, da Sociedade Xeolóxica de España.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) organizou co apoio da Consellería de Economía e Industria, Arigal o Concello de Sandiás e de Xinzo de Limia, o sábado 27 de xuño un roteiro guiado polas Areeiras que abranguen maioritariamente territorio de Sandiás e tamén Vilar de Santos na Comarca da Limia (Ourense), con saída e chegada en Sandiás, concretamente no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela entre as 9.45 h e as 13.30 h e no que participaron 35 persoas de varios lugares de Galicia. Ao longo do itinerario circular e de baixa dificultade, a actividade dirixida polo xeólogo Eduardo González Clavijo xeólogo que traballa para a Sociedade Xeolóxica de España especialmente en actividades de investigación e divulgativas, permitiu coñecer a formación da singular chaira sedimentaria da Limia e de xeito especial a zona e o proceso de extracción de area e a transformación dos ocos en espazos de alto valor ecolóxico pola súa biodiversidade.
Integración ambiental, economía circular e posta en valor do patrimonio mineiro galego: tres eixos que destacou Pablo Fernández Vila, director xeneral de Planificación Enerxética e Minas
O director xeneral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou pola mañá no roteiro. Alí destacou o valor estratéxico que ten o patrimonio mineiro de Galicia e avogou polo seu aproveitamento como vantaxe competitiva para impulsar o liderado do sector. Tamén lembrou que un dos obxectivos estratéxicos da Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030 pretende alcanzar a integración ambiental, impulsar a economía circular e poñer en valor o patrimonio mineiro galego. Na visita, Fernández Vila, representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia e demais participantes, observaron as numerosas explotacións mineiras onde se extrae area de alta calidade e os ocos creados por esta actividade convertidos en lagoas cun alto valor ecolóxico. Esta actividade desenvólvese no marco da plataforma Minería Sostible de Galicia, a través do seu programa de Patrimonio Mineiro (MInaTUR), en colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela en Sandiás, punto de partida do roteiro guiado polas Areeiras da Limia
Houbo en primeiro lugar un saúdo do alcalde Felipe Traveso aos asistentes e de seguido o concelleiro de cultura e coordinador, Pepe Gándara, presentou de xeito breve o centro. Enmarcou a presentación e a actividade no Ano Oteriano e na mirada peculiar de D. Ramón Otero Pedrayo á paisaxe, tamén o da Limia e a Lagoa de Antela lendo un texto do seu libro Guía de Galicia. A continuación describiu o contido do centro e fixo fincapé nalgúns acentos nos que traballa o centro: o complexo húmido Limia/Antela como obxecto de interpretación, o afondamento no aspecto xeolóxico e xeomorfolóxico da conca da Limia, transcender a visión histórica da Lagoa de Antela como “lagoa perdida” e proxectala como un “humidal emerxente” e por as esperanzas nas propostas do MITECO referentes a Lagoa de Antela e do recente aprobado Proxecto Sectorial de incidencia supramunicipal das areeias da Limia, nos concellos de Sandiás e Vilar de Santos.
A visión da conca da Limia e das areeiras dende o Pico Costoira na Aldea de Cerredelo
A xeoloxía tamén forma parte do patrimonio natural. A Limia Alta conta con lugares de interese e nestas xornadas de turismo xeolóxico pretendeuse observar e interpretar a formación ao longo de millóns de anos da conca e as serras coa mirada do xeólogo algúns destes lugares no ámbito territorial do Concello de Sandiás como é o Pico Costoira desde onde se observou a conca da Limia onde en tempos estaba o expléndido humidal natural ds Lagoa de Antela. As serras máis importantes observadas e que pechan a depresión son polo norte (San Mamede), polo sueste (Serra de Larouco), polo sur e suroeste (Serra do Xurés, Monte do Quinxo, Serra do Laboreiro e polo leste (serras de Baltar, Calvos de Randín, Serras de Raíña Loba) e tamén se puideron observar os outeiros máis pequenos e próximos ao concello de Sandiás como o Monte do Castro, Montes de Sandiás e pequenos outeiros de Couso e Cerredelo. A sensación experimentada foi de amplitude cunha mirada espallada por un territorio horizontal e case sen fin. Tamén se puideron observar as terras agrícolas da concentración parcelaria e experimentar o vento constante das alturas. En dirección sur tamén púidose contemplar desde o alto a zona de explotación das areeiras.
Visita “in situ” ás explotacións de Area. Un roteiro guiado de aprendizaxe e análise sobre ou terreo
Visitouse unha das areeiras en explotación e os participantes recibiron información precisa do sistema de proceso de explotación da areeira. Houbo referencias a xeomorfoloxía a observación e interpretación de cráteres de antigas explotacións areneras e o proceso que se segue para extraer a area así como as características da súa alta calidade. Os asistentes tiveron tamén ocasión de contemplar varios exemplos de areeiras renaturalizadas e a canle de desague principal da Lagoa de Antela nun tramo determinado. Así mesmo, co apoio de láminas didácticas, o xeólogo Eduardo González explicou amplamente diferentes características xeolóxicas dad Limia, o tipo de solos, o comportamento da auga nos mesmos e as súas consecuencias. Aproveitou todas as indicacións anteriores do factor xeolóxico para comprender mellor o comportamento dos acuíferos da zona e explicar dende unha perspectiva xeolóxica como os materiais sedimenarios que enchen a conca terciaria da Limia inflúen na contaminación por materia orgánica no río Limia augas abaixo desta zona, entre outros factores. Finalizou a visita no Observatorio ornitolóxico nº 2 (Casa dos Terróns).
Outras iniciativas complementarias que poñen en valor o patrimonio xeolóxico-mineiro: visitas guiadas, “hidrogeodía” e xornadas xeolóxicas divulgativas
O Campo de Santo Nicolás nº 2 ao carón da Casa do Concello conta cun novo punto de información turística. Trátase dun tótem interactivo, que servirá para por en valor e divulgar ou humidal artificial “Areeiras da Limia” situado maioritariamente non territorio que abrangue ou Concello de Sandiás e onde destacan explotacións mineiras que extraen area de alta calidade e nas que os ocos creados por dita actividade extractiva énchense de auga de forma natural e colonizanse de flora e fauna acuáticas convertendo a zona nun espazo rico en biodiversidade, especialmente nun punto de interese ornitolóxico. O tótem conta cun código QR que permite acceder desde o móbil á información documental, gráfica e audio-visual sobre dito espazo de interese xeolóxico e natural. O código escaneado dirixe á plataforma dixital de Patrimonio Xeomineiro de Galicia. Con esta instalación, o Concello de Sandiás espera poder achegar o patrimonio xeolóxico-mineiro aos veciños, visitantes e aos centros educativos utilizando as ferramentas das novas tecnoloxías dun xeito didáctico e atractivo. A peza instalouse grazas á colaboración do Concello de Sandiás coa Cámara Oficial Mineira de Galicia.
Así mesmo, o Concello de Sandiás a través do seu Centro de Interpretación da Lagoa de Antela tamén ten desenvolvido outras iniciativas para por en valor dito espazo. Nas múltiples visitas guiadas abórdase a xeomorfoloxía das areeiras, a historia e os períodos de explotación das mesmas, entre outros aspecdtos. Tamén se desenvolveu no ano 2025 o “Hidrogeodía” organizado polo grupo español da Asociación Internacional do Hidroxeólogos (AIH-GE). Para rematar, como actividade divulgativa no Centro de Interpretación levouse a cabo unha charla divulgativa sobre a historia xeolóxica da conca da Limia. Eduardo González Clavijo xeólogo que traballa para a Sociedade Xeolóxica de España falou do proceso de formación da antiga Lagoa de Antela e da súa composición e permeabilidade, asunto que explicou cun experimento práctico feito con arxila e area.