O domingo 5 de xaneiro pola tarde, os Reis Magos de Oriente visitaron aos 23 cativos e cativas das 11 aldeas do Concello de Sandiás.
Nin a choiva nin o lixeiro frío impediron que Melchor, Gaspar e Baltasar trouxesen moitos agasallos aos máis pequenos do concello. Foi unha ruta moi emocionante, xa que, segundo Baltasar, «os nenos e nenas de Sandiás son encantadores e teñen unha gran paixón imaxinativa. Son moi educados e intelixentes, xa que escoitaron con atención as consellas para deitarse cedo e durmir para recibir os agasallos pola noite”.
Ademais de visitar cada casa desde a que mandaron a carta, un lugar moi especial onde os esperaban foi o PAI de Sandiás. Un día antes, o rei Gaspar achegouse ao Punto de Atención á Infancia para recoller as cartas dos máis pequenos e pequenas, que esperaban con gran ilusión a visita. Gaspar, moi emocionado coa recepción dos máis cativos, declarou que «volverán sen ningunha dúbida o próximo ano» porque considera que «poucos sitios son tan fermosos e gardan tanta inocencia, ilusión e gañas de soñar”.
En palabras de Melchor, «os tres Reis Magos agradecemos enormemente a colaboración inestimable dos voluntarios de Protección Civil do concello e de algúns veciños, que nos guiaron certeiramente por todo o municipio».