A actividade permitiu aos nenos e nenas reflexionar sobre os estereotipos asociados ás cores, á roupa e aos xoguetes dentro dun programa cheo de propostas creativas e de lecer.
Unha actividade para educar na igualdade a través do xogo
O Campamento Concilia 2026 de Sandiás continúa desenvolvendo unha ampla programación de actividades educativas, creativas e de lecer durante o segundo mes de funcionamento. Entre todas elas, unha das propostas máis destacadas foi “Barbie convídanos a xogar sen etiquetas”, unha iniciativa deseñada para promover a igualdade, o respecto e a liberdade de elección entre os máis pequenos e pequenas.
Un programa cheo de actividades creativas e diversión
Ao longo destas semanas, os participantes gozaron de numerosas actividades como o Obradoiro de consumo responsable, o taller “O meu póster”, a construción do Auto de Sandy, o obradoiro de arxila “Pegadas bonitas”, baños na piscina, merendas, photocall, un divertido taller de globoflexia, dinámica Mario Bros, recollendo flores para logo secalas, estoxos creativos con feltro e rotuladores acrílicos, pintando o fondo mariño, concurso de disfraces con premios, deslizadera, trenzas divertidas, bingo da natureza, furor, cinema, marca páxinas de flores, etc. Todas estas propostas combinan aprendizaxe, creatividade e convivencia, convertendo o campamento nun espazo onde o xogo tamén serve para transmitir valores. Nos últimos días tamén se desenvolveu o obradoiro “Xogueteando”, un lecer diferente” dentro do programa Lecer consumo no Verán organizado polo Instituto Galego de Consumo e da Competencia.
Reflexionar sobre os estereotipos de xénero
A actividade “Barbie convídanos a xogar sen etiquetas” desenvolveuse arredor dun debate adaptado á idade dos participantes sobre os estereotipos de xénero presentes na roupa, as cores e os xoguetes. A programación completouse cun photocall elaborado con materiais reciclados e un taller de globoflexia.
A iniciativa tivo como obxectivo educar na igualdade e no respecto desde idades temperás, utilizando o universo de Barbie como un referente próximo e atractivo para os nenos e nenas. Durante a actividade fomentouse a reflexión sobre os estereotipos asociados ás cores, á roupa e aos xogos, transmitindo a mensaxe de que as cores non teñen xénero e de que cada neno ou nena pode vestir, xogar e expresarse libremente segundo os seus gustos.
Barbie como símbolo da diversidade
Os responsables da actividade explican que Barbie foi elixida por ser unha figura moi presente no imaxinario infantil e que, nos últimos anos, evolucionou incorporando unha maior diversidade de profesións, aparencias e formas de ser. Partindo deste personaxe coñecido, buscouse cuestionar, dun xeito lúdico, positivo e respectuoso, as ideas tradicionais sobre como “debe ser” un neno ou unha nena, transmitindo que non existe un único modelo válido de beleza, xogo ou cor. Barbie invita a experimentar diferentes formas de xogar, imaxinar profesións, personaxes e situacións sen que unha etiqueta determine o que cada persoa pode facer. Un dos momentos máis especiais foi o photocall, elaborado con materiais reciclados, no que cada participante puido sentirse o verdadeiro protagonista, converténdose no seu propio “boneco ou boneca ideal”, reforzando así a autoestima, a expresión persoal e o respecto pola diversidade dentro do grupo.
Un final doce para unha xornada de aprendizaxe
Como peche da actividade, os nenos e nenas compartiron unha merenda a base de xeados elaborados con iogur de froitas, desfrutando dun momento de convivencia que puxo o broche final a unha xornada na que o xogo, a diversión e a educación en valores volveron ir da man no Campamento Concilia 2026 de Sandiás.

















