Descubrindo o encanto do San Bieito da Uceira! Lecer saudable co CDR O Viso e o Concello de Sandiás en familia

O sábado 28 de marzo pola mañá tivo lugar a andaina organizada polo CDR O Viso en colaboración co Concello de Sandiás. Trinta e dúas persoas de diversas aldeas da comarca da  Limia e doutras con idades comprendidas entre poucos meses e aproximadamente os setenta anos xuntáronse para camiñar e descubrir recunchos fermosos da nosa comarca da Limia. Fíxose unha andaina que tiña como punto de destino a “catedral natural e espiritual” da Ermida de San Bieto da Uceira, magnífico entorno ecolóxico,  lugar espiritual e lugar de peregrinación relixiosa da comarca. 

As meniñas e nenos que acompañaron en familia viviron o camiño empinado con alegría observando, xogando, explorando, parando centos de veces atraídos polo que lles ofrece o monte: fan preguntas, observan todo o que se move e lle chama a atención, apañan follas, xogan entre os muros e os penedos, exploran os infinitos recunchos do recinto e aínda que non o parece tamén escoitan o que falan os adultos. As persoas adultas contemplaron a riqueza paisaxística e o patrimonio cultural que temos ó pé da casa, e reflexionaron sobre a necesidade de facer, de recuperar, de manter vivo isto que tanto esforzo lle custou ós nosos devanceiros.

Tivemos tamén un momento cultural de aprender algunhas cousas do San Bieito, da súa fundación, dos pendellos, o cruceiro,  comensalidade (comida compartida) e a festa. Tamén o adro e as vistas a cunca da Limia, os exvotos dos crentes e tamén sobre o topónimo da aldea desaparecida da Uceira da que hoxe tan só queda a fonte de mina de bos perpiaños de labra.  Contemplamos os escosistemas de carballos e de uceiras e os usos da uces para queimar o porco, facer carbón ou limpar a louza.  Coas súas raíces de moita potencia calorífica facíase carbón para as forxas e tamén se utilizaban para  facer o xogo popular chamado “cachona” ou “porca”. Os bosques de uceiras cheiran a mel. Aproveitamos tamén para probar mel  Santa Mariña de Piñeira de Arcos, preto de San Bieito. Algúns repetiron ata tres veces. E ata houbo algún premio.

Precisamente o magnífico desta iniciativa do CDR O Viso é que mextura a experiencia interxeracional de persoas de distintas idades e constitúe unha ferramenta esencial para potenciar as capacidades sociais da persoa maior e dos nenos e nenas desenvolta nun medio de aprendizaxe aberta como é o natural e social.  Canto gañariamos se as escolas se mergullasen nestes contornos marabillosos que nos rodean!  O que fai especiais estes encontros é o feito de irmos sen máis expectativas que gozar do camiño, escoitar historias e memorias e tomar contacto coa xente póndolle cara e nome e co patrimonio dos nosos devanceiros.

A actividade organizada polo CDR O Viso está enmarcada no programa O Noso Espazo, financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas. Pretende poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico… e, sobre todo, o patrimonio humano.

Desexándo vernos pronto noutra xeira interxeracional, damos a grazas ao CDR O Viso e aos veciñ@s das distintas aldeas por contar co territorio e as xentes de Sandiás. Moitas grazas.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?