Falar ben o galego e o castelán: Ben Cho Shey e o topónimo Sandiás

Imaxe 1: Reprodución do artigo de Ben-Cho-Shey de 1964 na sección La historia en cuatro tiempos por Maribel Outeiriño en 1994.

"[...] Castrapo ou mal falar é decir ou escribir Sandianes por Sandiás [...]"

A Ben-Cho-Shey, membro da Xeración Nós, a causa da lingua sempre lle tirou aínda moito máis a arqueoloxía, a etnografía e a historia. Destacaba Xosé Fernández Fernández, da Facultade de Ciencias da Educación de Vigo nun artigo do V Congreso do Patrimonio Etnográfico Galego (2015), que era dos que pensaba que para pensar en galego había que falar e escribir en galego e non tivo reparos en criticar o uso feito nas traducións ao castelán da toponimia galega, chamándolle ignorantes os “emperrados en se gabar dunhas castrapadas que nos poñen en ridículo diante da xente culta que camiña polas nosas estradas”.

No periódico La Región do 23 de Agosto de 1969 escribe o artigo “Falar en galego e máis en castelán”, que reproduce Maribel Outeiriño na sección “La historia en 4 tiempos” do ano 1994, cando se cumplen 25 anos. Defende no artigo que “o que non se debe facer e falálos mal”. A fala defectuosa dun idioma calquer (…) e castrapo ou mal falar é decir ou escribir Sandianes por Sandiás (…)”. “Os que tal fan acrétanse de iñorantes, aunque pretendan escudarse no Nomenclator”. “ O inadmisible son as castrapadas o mismo na conversa que nos xornaes (…) ou nos letreiros das carreteras (…)”.

A propósito dos letreiros das estradas, temos constancia dun intercambio epistolar que data do 25 de Xuño de 1970, día de San Pedro no noso concello, entre Ben Cho Shey e Luis Otero Bobillo, pertencente á colección particular do seu fillo Luis Otero Quintas. Na carta pídelle ao xa alcalde: ¿por que non lle dí os da Región que encabecen as súas correspondencias co nome de Sandiás e  por qué non poñen ise mesmo nome nos letreiros das carreteras?”. Anúncialle Xosé Ramón que pola Santa Mariña (18 de xulio) pasará por Sandiás camiño de Ourense e Santiago e maniféstalle, “gustaríame ver o nome de Sandiás nos letreiros da carretera”.

Luis Otero Bobillo foi nomeado alcalde de Sandiás o 11 de agosto de 1969 e o artigo de Ben-Cho-Shey foi publicado en La Región o 23 de agosto do mesmo ano, e tiña 73 anos cando foi nomeado alcalde Luis Otero o que xustifica que o intercambio fora intenso pero curto no tempo. Polo que parece, D. Ramón non puido ver os cambios ao pasar por Sandiás xa que  non foron aprobados os cambios de topónimos ata a sesión plenaria do 30 de xaneiro de 1972: “ (…) Sandiás y no Sandianes, Vilariño das Poldras y  no Villarino, Piñeira de Riba y no de Arriba, Piñeira de Baixo y no de Abajo (…)” por contra, puido velos cambios en La Región posto que o 18 de febreiro de 1972, La Región xa titula no escrito do correspondente local, “Sandiás” e fai explícito o agradecemento da corporación e do propio correspondente a Xosé Ramón Fernández (Ben-Cho-Shey).

Imaxe 2: Pintura retrato Ben Cho Shey de Manolo Figueiras.

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?