Descubriron a Casa da Lagoa e a historia, lendas, flora, fauna, recursos económicos perdidos da primixenia Antela guiados por Pepe Gándara. Todo iso a través da nosa exposición con pezas históricas, etnográficas, fotografías antigas, vídeos, paneis interactivos…
Así mesmo, expuxéronse proxectos de intervención e mellora, entre outros: o roteiro de avistamento de aves realizado polo Concello de Sandiás, co proxecto da “Poza dos Arieiros” pola Sociedade Galega de Historia Natural e un segundo de recuperación de dúas areeiras a través do proxecto «Life Rexenera Limia».
A segunda parte das visitas guiadas, tivo un enfoque máis práctico xa que visitaron “in situ” as Areeiras no territorio que corresponde ao Concello de Sandiás. A andaina por esta paraxe é unha auténtica gozada para o disfrute dos sentidos. Concretamente visitouse o Observatorio 1 (reproducción dos antigos Palafitos lacustres) e o Observatorio 2 (Casa dos Terróns, exemplo de arquitectura tradicional sustentábel).
Nos observatorios, mozos e mozas puideron guiarse polo material didáctico ofrecido polo colectivo «Amigas das Cegoñas» coordinado por Nancy Blanco. Abarcou a avifauna característica deste punto ornitolóxico, así como pautas para a súa observación e identificación.
Quizais nun futuro próximo estas pezas dispersas ou como alguén lle chamou “o minifundismo da auga”, poidan volver configurar un novo humidal herdeiro do xa mítico «Lago Beón».
Grazas pola visita a Sandiás.