Preto de 20 alumnos e alumnas do Colexio Plurilingüe Salesianos Ourense visitaron o pasado venres 3 de abril o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e o patrimonio xeolóxico, etnográfico e ornitolóxico do humidal artificial das Areeiras de Sandiás. Acompañados por Quique (docente de Bioloxía e Xeoloxía e coordinador do programa ambiental NaturezAula) levouse a cabo este roteiro didáctico ambiental. O Seminario de Xeografía e Historia e o Seminario de Ciencias Experimentais traballaron xuntos para a organización da actividade interdisciplinar que combina á perfección natureza e patrimonio.
A visita guiada na Casa da Lagoa e nas Areeiras de Sandiás foi intensa e tivo unha duración de catro horas. A visita guiada levouna a cabo Alex de los Ríos, guía especializado en historia con ampla experiencia didáctica e Pepe Gándara, profesor do centro e coordinador da “Casa da Lagoa”.
- Visita a Exposición Permanente do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela
A visita deu comezo visionando un audiovisual sobre diversos aspectos do humidal natural da Lagoa o humidal artificial das Areeiras e o patrimonio etnográfico do Concello de Sandiás. A continuación percorremos varias salas da planta baixa e alta.
Fíxose referencia a Lagoa en xeral e as súas dimensións, análise de varias fotografías históricas, o uso das barcas e os proxectos de desecación. Tamén a Xeografía mítica ( os espazos e habitantes imaxinarios da Lagoa de Antela. Fíxose rápida referencia a diversas lendas e contos como o referido a Cidade de Antioquía). Despois de breves referencias ao folclkore, a etnografía e as economías perdidas da lagoa (comercio de ras, samesugas, ovos, peixes), por último tratáronse aspectos de Xeografía Cultural aplicados a Lagoa de Antela, facendo unha reflexión xeral sobre toponimia e pondo exemplos concretos de toponimia maior e menor da zona. Na planta alta repasouse con detalle a fauna e flora típica da Lagoa de Antela.
- Visita “in situ” dunha areeira. Patrimonio xeolóxico-minerio e sistemas de explotación
Visitouse unha das areeiras en explotación e baixo a guía de Salvador Blanco , recibiron información precisa do sistema e proceso de explotación da areeira. Houbo referencias a xeomorfoloxía e o corte estratigráfico da zona das areeiras, o sistema de explotación industrial e tamén sobre a fase de abandono e restauración ambiental. Na mesma areeira poidemos observar nun dos noiros verticais unha colonia de Andauriña das Barreiras (Riparia riparia).
Visitamos o observatorio ornitolóxico 2 (Casa dos Terróns), exempo de arquitectura tradicional sustentabel en terra. Poidemos observar cegoñas e Anduriñas das Barreiras e facer pequenas observacións ornitolóxicas aínda que o tempo de friaxe e inestable non acompañou. Quedou por ver o observatorio 1 (reproducción dun Palafito).
- Volta o Centro de Interpretación e presentación da transformación da paisaxe da Lagoa, análise da cartografía e presentación dos proxectos de restauración ambiental que se están levando a cabo, especialmente pola Sociedade Galega de Historia Natural (Sghn)
Tratouse a xeografía física e humana da Lagoa (formas de relevo, factores antrópicos como as pegadas do ser humano na zona coa ocupación do espazo e o proceso de desecación e concentración parcelaria), cartografía do Complexo Húmido Antela-Limia e tamén aspectos de xeografía cultural (topónimos ou chamadoiros da Lagoa). Así mesmo, presentáronse con detalle os proxectos da “Poza dos Arieiros” e “Poza das Conícoras” no humidal artificial das Areeiras e o Proxecto no humidal natural da Lagoa de Antela, concretamente na Veiga de Vilaseca, denominado “Antonio Vilariño.