Protección Civil de Sandiás presente na III Carreira Solidaria da Garda Civil en Ourense
A agrupación de Protección Civil de Sandiás estivo este domingo, 4 de outubro, na terceira edición da Carreira Solidaria da Garda Civil «Pilar 2026», que se celebrou na cidade de Ourense.
A proba convertiu a Praza Maior da capital ourensá no epicentro dunha xornada que combina deporte, convivencia e compromiso social. A iniciativa, organizada con motivo das celebracións da Virxe do Pilar, contará coa participación de deportistas e cidadanía nunha actividade de carácter solidario. Nesta terceira edición, a padriña de honra foi a árbitra galega Zulema González, unha das figuras destacadas da arbitraxe no fútbol profesional, que se suma así ao carácter deportivo e social da convocatoria. O aspecto solidario foi un dos grandes protagonistas da xornada, xa que a totalidade dos fondos recadados será destinada a Aspanas, entidade que traballa en Ourense no apoio ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias.
A presenza de Protección Civil de Sandiás nesta iniciativa pon de manifesto, unha vez máis, o labor dos voluntarios da agrupación, tanto no ámbito da prevención e da seguridade como na colaboración con actividades deportivas, sociais e solidarias. Desde Sandiás súmanse así a unha xornada que pretende facer do deporte unha ferramenta de participación e solidariedade, contribuíndo a dar visibilidade ao labor que desenvolve Aspanas e ao apoio ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias.