Sandiás encheuse de maxia, cores e ilusión: o PAI celebrou o «Truco ou trato» e un Samaín de conto!

Y el suelo se fue abrigando con hojas, se fue vistiendo de otoño (J. M. Serrat).

O Punto de Atención Infantil (PAI) do Concello de Sandiás viviu o pasado venres 30 de outubro unha xornada moi especial coa celebración da Festa do Outono e do Samaín, unha cita chea de fantasía, tradición, creatividade e diversión na que os nenos e nenas, as familias e o equipo educativo foron os grandes protagonistas.

A xornada comezou pola mañá cun roteiro pola aldea de Sandiás cunha divertida xornada de «Truco ou trato». A acollida dos veciños, un ano máis, foi marabillosa! Un agradecemento a Pepita, Rosa Mari, Fernando, Andrea, á farmacéutica e aos compañeiros do Concello. Un agradecemento especial para Uxía, por decorar a súa casa de Samaín con tanto agarimo e cariño e permitir que os nenos desfrutasen da decoración. Para eles, cada detalle é un descubrimento.

Grazas ás familias polo seu acompañamento durante o percorrido. O regreso foi coas cestiñas cheas. Tanto se desfrutou das lambetadas que despois o xantar quedou un pouquiño en segundo plano…

Xa pola tarde, a celebración trasladouse ás instalacións do PAI, que se converteron nun espazo cheo de ambiente outonal e de Samaín grazas á decoración dos seus interiores, realizada coa colaboración das familias.

A festa continuou cunha merenda temática e diferentes obradoiros e actividades nos que os máis pequenos puideron dar renda solta á súa imaxinación. Houbo propostas creativas, maquillaxe facial con motivos propios do Samaín, decoración de cabezas, xogos con globos e actividades para experimentar, crear e gozar en compañía.

Os disfraces, a cor, as risas e as ganas de pasalo ben acompañaron unha tarde na que tampouco faltaron os xogos e os momentos compartidos. A celebración rematou cunha deliciosa comida e unha rica sobremesa, poñendo o broche final a unha xornada festiva na que a convivencia e a participación das familias tiveron un papel fundamental. Unha festa para recibir o outono da mellor maneira, mantendo vivas as tradicións do Samaín e creando lembranzas inesquecibles para os máis pequenos.

Porque, como di Joan Manuel Serrat, «Y el suelo se fue abrigando con hojas, se fue vistiendo de otoño». E en Sandiás, o outono tamén se vestiu de sorrisos, disfraces e moita maxia.

 

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.