O escritor e intelectual galego Xosé Luís Méndez Ferrín dedicou en 2014 un dos seus artigos da sección No fondo dos espellos, en Faro de Vigo, á figura de Urbano Santana, mestre, galeguista e pioneiro na recollida do patrimonio etnográfico de Sandiás e da contorna da Lagoa de Antela.
Baixo o título «A colleita etnográfica de Urbano Santana», publicado o 23 de agosto de 2014 no suplemento El Sábado, Méndez Ferrín puxo en valor o traballo realizado por Santana en 1931, cando publicou na revista Nós o seu «Resume xeral do folklore de Sandiás», unha valiosa recompilación da cultura oral e popular da época. O artigo naceu a raíz da publicación do número 8 da revista cultural do Concello de Sandiás, A Torre do Castro.
Ferrín salientaba a importancia deste tipo de traballos para conservar a memoria colectiva e mesmo lamentaba que non houbese un Urbano Santana en cada parroquia galega durante os anos da Segunda República, capaz de deixar por escrito o patrimonio cultural que daquela permanecía vivo na tradición oral.
Na parte final, Méndez Ferrín interesábase por coñecer máis sobre a vida de Urbano Santana e felicitaba o Concello de Sandiás polo labor de recuperación e divulgación deste patrimonio.
Precisamente o Concello de Sandiás recolleu as inquedanzas de Ferrín e deu resposta coa investigación levada a cabo sobre Urbano Santana polo historiador Alex De los Ríos na publicación titulada “Sandiás, a Lagoa de Antela e Nós” a propósito do centenario da Xeración Nós. 🏛️📚
#Sandiás #Antela #UrbanoSantana #MéndezFerrín #Etnografía #Patrimonio #Memoria #CulturaGalega