17 participantes de Asociación Aixiña de Ourense visitan o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e as areeiras de Sandiás

O xoves 20 de xullo recibimos a visita de 17 participantes da Asociación Aixiña de Ourense. Unha asociación que ten por obxectivo a atención ás necesidades e expectativas de persoas con discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral e terceira idade dende unha orientación rehabilitadora integral.

Moi satisfeitos quedamos na «CasadaLagoa» polo voso gran interese que mostrastedes e moitas grazas pola vosa visita.

Xeografía e historia da Lagoa de Antela

A visita guiada na Casa da Lagoa foi intensa e tivo unha duración de preto de unha hora e media. Tras o visionado de tres curtos audiovisuais como contexto, pasouse revista na primera parte da visita a xeografía física e humana de Lagoa expoñendo os factores naturais que levaron a transformación da paisaxe (formas do relevo, sistema hídrico) e os factores antrópicos (os palafitos lacustres, casas de terróns e as distintas pegadas do home no medio dende a época pre-romana ata a modernidade). Tamén puideron analizar as economías perdidas da Lagoa (recolección de ovos, caza de aves, comercio de rás e explotación de samesugas con fins médicos).

Como complemento, levouse a cabo un achegamento á cartografía da Lagoa en relación coas súas dimensións e analizouse o caso de intervención máis agresiva na paisaxe: o proceso de desecamento franquista e a concentración parcelaria. Posteriormente fíxose referencia a diferentes aspectos da historia e etnografía da Lagoa de Antela e particularmente de Sandiás (igrexas, pazos, torre do Castro, miliarios…).

Visita aos observatorios ornitolóxicos: o palafito e a casa de terróns.

A segunda parte da visita tivo un enfoque máis práctico xa que se visitaron “in situ” as Areeiras. A andaina por esta paraxe é unha auténtica gozada para o disfrute dos sentidos. Concretamente visitouse o Observatorio de aves 1 (reproducción dun Palafito lacustre) e o Observatorio de aves 2 (Casa dos Terróns, exemplo de arquitectura tradicional sustentabel en terra). Houbo explicación das tres alcouzadas palafíticas e as súas características, así como a formación dos terróns co beón da Lagoa e as diferentes estructuras de casas e palleiras existentes nos pobos máis cercanos a Lagoa.

Quizais nun futuro próximo estas pezas dispersas ou como alguén lle chamou “o minifundismo da auga”, poidan volver configurar un novo humidal artificial herdeiro do xa mítico sistema lagunar natural denominado lago Beón.

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?