24 alumnos da Facultade de Educación e Traballo Social visitan o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e as areeiras de Sandiás

Alumnos e alumnas do Campus de Ourense da Universidade de Vigo visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e as Areeiras de Sandiás este venres 14 de abril, nunha saída que pretendía enriquecer o seu currículo do Grado de Educación Infantil na materia de Xeografía para Mestres. Viñeron acompañados pola súa profesora María Luz Rodríguez Blanco, profesora da materia da área de Xeografía Fîsica do Departamento de Historia, Arte e Xeografia.

A visita guiada na Casa da Lagoa foi intensa e tivo unha duración de preto de dúas horas. Adaptouse o discurso museográfico en torno ao eixo da xeografía. Tras o visionado de tres cursos audiovisuais como contexto, pasouse revista na primera parte da visita a xeografía física e humana de lagoa expoñendo os factores naturais que levaron a transformación da paisaxe (formas do relevo, sistema hídrico) e os factores antrópicos (os palafitos lacustres, casas de terróns e as distintas pegadas do home no medio dende a pre-romana ata a modernidade. Como complemento, levouse a cabo un acercamento a #cartografía da lagoa en relación coas súas dimensións e toponimia e analizouse o caso de intervención máis agresiva na paisaxe: o proceso de desecamento franquista e a concentración parcelaria.

Posteriormente fíxose referencia a Xeografía mítica (os espazos e habitantes imaxinarios da Lagoa de Antela). Os mozos e mozas escoitaron diversas lendas e contos como o referido a Cidade de Antioquía, a princesa rá, a orixe da lagoa, as referencias a Inés de Castro e o papel do Bruión, entre outras.

Despois de breves referencias ao folclore, a etnografía e as economías perdidas da lagoa, por último tratamos aspectos de Xeografía Cultural aplicados a Lagoa de Antela, facendo unha reflexión xeral sobre toponimia e pondo exemplos concretos de toponimia maior e menor da zona así como tamén exemplificacións de alcumes extraídos do Folclore de Sandiás de Urbano Santana.

A segunda parte da visita tivo un enfoque máis práctico xa que se visitaron “in situ” as Areeiras. A andaina por esta paraxe é unha auténtica gozada para o desfrute dos sentidos. Concretamente visitouse o Observatorio de Aves 1 (reprodución dun Palafito lacustre) e o Observatorio de Aves 2 (Casa dos Terróns, exemplo de arquitectura tradicional sustentabel en terra). Ademais fixeron prácticas de observacións de aves coa utilización de guías, prismáticos e láminas didácticas para identificar as distintas aves e valorar a biodiversidade existente. No pouco tempo de observación puideron observar varias cegoñas, corvo mariño grande e mergullón cristado.

Cecais nun futuro próximo estas pezas dispersas ou como alguén lle chamou “o minifundismo da auga”, poidan volver configurar un novo humidal artificial herdeiro do xa mítico sistema lagunar natural denominado lago Beón.

Moi satisfeitos quedamos na Casa da Lagoa e grazas pola vosa visita.

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?