Acto de peche do V Centenario da Igrexa de Santo Estevo de Sandiás
Do mesmo xeito que comezaron os actos do V Centenario da construción da Igrexa de Santo Estevo, procederase á súa clausura con certo atraso debido á pandemia que impediu que a cerimonia tivese lugar no pasado ano 2020.
O acto de peche, organizado en modo de colaboración entre a Parroquia e o Concello, terá lugar o domingo, 26 de decembro ás 17:00 da tarde e contará coa presenza do señor bispo da diócese de Ourense, Don Leonardo Lemos Montanet.
Consistirá nun primeiro acto dramatizado a modo de Oda dedicado á Porta de entrada de estilo manuelino inspirada nas filigranas, decoración vexetal e iconografía da porta de Sandiás e na oda ás portas galegas de Felipe Senén. A continuación, unha celebración da eucaristía presidida polo bispo e con animación musical da Coral de Santa Mariña de Xinzo, á que se lle fará entrega dun agasallo conmemorando o evento e, por último, a entrega dun folleto didáctico sobre a Porta de entrada, onde se amosa a simbiose entre arte e a fe ao longo dos séculos, petrificadas polas mans dos canteiros na pedra.
Ao longo do ano do V Centenario tamén se levaron a cabo outros actos como vinte visitas guiadas por profesionais de Xeitura Patrimonio SCoopGal, charlas-conferencias como a do antropólogo e etnógrafo Manuel Mandianes sobre o significado antropolóxico do templo na vida das persoas, un renovado estudo sobre o retablo de Francisco de Moure, publicado no número 15 da Revista Lethes pola mestrada en Patrimonio, Belén Gómez Manso, un folleto didáctico divulgativo sobre a Porta e a pronta instalación dun panel informativo e interpretativo na contorna do complexo da igrexa-rectoral para información de visitantes, peregrinos e turistas. Queda para outra pronta ocasión unha exposición sobre a historia da igrexa.