A Asociación Amigos dos Museos de Galicia visita a Igrexa de Santo Estevo en Sandiás

50 membr@s do colectivo “Amigos dos Museos de Galicia”, acompañados polo seu presidente o arqueólogo e escritor coruñés Felipe Senén, visitaron o domingo 24 de setembro a Igrexa de Santo Estevo de Sandiás despois dun xantar enxebre en Piñeira de Arcos.

Viñan a unha xeira especial coa intención de saborear a Limia, terra rica en historia, arqueoloxía e etnografía, xusto cando comeza o outono e a paisaxe cobra matices especiais.

O rural atesoura un rico patrimonio que, moitas veces, mestura a arte coa relixiosidade. É o caso do belo conxunto que forman en Sandiás a igrexa de Santo Estevo, a Rectoral e o antigo Cruceiro preto do Camiño Real, do Camiño de Peregrinación e ao carón da Vía Nova XVIII romana. A Igrexa, de estilo entre o tardogótico e renacentista, foi construída «antes de 1520», polo Mestre de Cantería Portugués, Bartolomeu Nosende. O templo conserva no seu interior o retablo renacentista de Francisco de Moure, as portas manuelinas da fachada principal (Oeste) e lateral (Norte) e unha fermosa bóveda de cruzaría xa renacentista.

Completa o conxunto un espléndido cruceiro asentado sobre plataforma de grada, con capitel formado de follas de acanto e iconografía co Cristo crucificado e a Virxe das Angustias coas espadas cravadas sobre o peito.

A visita guiada foi acompañada coas aportacións do propio especialista Felipe Senén, pola veciña de Sandiás, Belén Gómez cun mestrado en Patrimonio e estudiosa do retablo de Francisco de Moure do cal fixo un un estudo sintético, claro, preciso e completo incluíndo os novos datos que ofrecen as investigacións máis recentes e que foi publicado no número 15 da revista cultural Lethes.

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?