50 membr@s do colectivo “Amigos dos Museos de Galicia”, acompañados polo seu presidente o arqueólogo e escritor coruñés Felipe Senén visitaron o domingo 24 de setembro o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela despois dun xantar enxebre en Piñeira de Arcos.
Viñan para unha xeira especial por terras da Limia, terra rica en historia, arqueoloxía e etnografía e tamén pola contorna da Lagoa de Antela e Allariz xusto cando comeza o outono e a paisaxe cobra matices especiais.
A visita guiada na Casa da Lagoa foi intensa e tivo unha duración de preto de dúas horas. A visita guiada a Casa da Lagoa, levouna a cabo Alex de los Ríos, competente guía histórico e didáctico. Adaptouse o discurso museográfico en torno ao eixo da xeografía. Tras o visionado de dous cursos audiovisuais como contexto, pasouse revista na primera parte da visita a xeografía física e humana de lagoa expoñendo os factores naturais que levaron a transformación da paisaxe (formas do relevo, sistema hídrico) e os factores antrópicos (os palafitos lacustres, casas de terróns e as distintas pegadas do home no medio dende a pre-romana ata a modernidade). Como complemento, levouse a cabo un achegamento á cartografía da lagoa en relación coas súas dimensións e toponimia e analizouse o caso de intervención máis agresiva na paisaxe: o proceso de desecamento franquista e a concentración parcelaria.
Posteriormente, fíxose referencia á Xeografía Mítica (os espazos e habitantes imaxinarios da Lagoa de Antela). Fíxose rápida referencia a diversas lendas e contos como o referido a Cidade de Antioquía, a princesa rá, a orixe da lagoa, as referencias a Inés de Castro e o papel do Bruión, entre outras.
Despois de breves referencias ao folclkore, etnografía e economías perdidas da lagoa, por último tratamos aspectos de Xeografía Cutural aplicados á Lagoa de Antela, facendo unha reflexión xeral sobre toponimia e pondo exemplos concretos de toponimia maior e menor da zona así como tamén exemplificacións de alcumes extraídos do Folckore de Sandiás de Urbano Santana.
Non deu tempo para visitar “in situ” as Areeiras de Sandiás pero quizais nun futuro próximo estas pezas dispersas ou como alguén lle chamou, “o minifundismo da auga”, poidan volver configurar un novo humidal artificial herdeiro do xa mítico sistema lagunar natural denominado lago Beón.
Moi satisfeitos quedamos na Casa da Lagoa. Grazas pola vosa visita!
Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.
Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.