A Lagoa imaxinada: presentación do libro A Revolta da Lagoa polo escritor limián Rafael Laso no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela

O mércores, 1 de marzo, presentouse no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela (Sandiás) o libro do escritor limián Rafael Laso diante dun público infantil e adulto formado por 35 participantes aos que lle agradecemos a súa presenza. Fixo o autor unha exposición do contido literario do libro mesturada cun documental sobre a desecación da Lagoa e un vídeo da autora das ilustracions onde se mostraba o proceso de creación dos debuxos do libro cuxa autora foi Ximena Maier. Así mesmo respondeu con xenerosidade a todas as preguntas dos nenos e nenas do CEIP de Sandiás.

Acompañaron ao autor o biólogo Diego R. Vieites, que falou sobre a perda da biodiversidade na Lagoa e pasou revista á fauna e flora perdida. Tamén reivindicou unha memoria ecolóxica e unha postura optimista en relación á recuperación parcial da Lagoa de Antela.

Pechou a palestra o experto en etnografía Xosé Calleja que falou sobre os nomes das nosas leiras e prados, dos montes e ríos… Vinculados todos eles aos diferentes pobos da Lagoa de Antela. Eses nomes ou topónimos son un tesouro da lingua e contan moita da historia pola que pasou a nosa terra, pero corren o risco de seren esquecidos. Sumouse tamén ao optimismo de Rafael e Diego e reivindicou a conservación da cultura popular e a tradición.

Por último, tamén contamos coa presenza de Tino e Perfecto, veciños de Sandiás de 91 e 93 anos respectivamente e auténticas bibliotecas viventes. Os dous foron testemuñas da microhistoria da Lagoa de Antela desde hai case un século e achegáronnos os seus coñecementos, imaxes, sons e sensacións sobre ese espazo e tempo longo.

Tamén houbo reflexións sobre os dereitos dos animais, que son os protagonistas do libro. O recoñecemento destes dereitos depende da relación que manteñamos entre os seres humanos e o medio. Ou somos parte da natureza ou vemos a natureza dende fora coma se fose un recurso obxecto de explotación e consumo. Na medida que crece a conciencia ecolóxica, sentimos cada vez máis que somos parentes e como tales debémonos tratar.

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?