O acto de peche foi organizado coa colaboración da Parroquia Santo Estevo e o Concello de Sandiás o domingo, 26 de novembro ás 17:00 da tarde coa presenza prevista do señor bispo da diócese de Ourense, Don Leonardo Lemos Montanet, que ao final non puido asistir por un imprevisto de última hora.
Comezou o párroco Don Manuel saudando ós presentes e describindo as diversas partes do acto. A continuación, María José Salgado de Xeitura Patrimonio SCoopGal, fixo unha expléndida declamación a modo de eloxio á Porta de estilo Manuelino da fachada da Igrexa inspirándose nas filigranas, decoración vexetal e iconografía da porta de Sandiás e na oda ás portas galegas do historiador do arte Felipe Senén. “Como a porta do ceo, onde San Pedro fica como porteiro. Como a porta da Igrexa de Santo Estevo, que é o primeiro paso de entrada ou de saída para recibir ou para despedir”, relataba María Salgado.
A continuación presidiu a celebración eucarística, Tomás Delgado Gándara, arcipreste de A Limia que aproveitou para destacar que, conmemoracións como a deste domingo, viñan demostrar que a fe vivida leva presente na nos aterra motísimos anos. Ademáis, animou a inspirarse nela na vida cotiá e en calquera dos ámbitos de traballo e da vida privada e pública. Acompañaron a Tomás Delgado, Manuel Fernández e Jaime Collazo.
A celebración abriuse co magnífico acompañamento da Coral Santa Mariña que, nos primeiros acordes facía soar o “Aleluia” por toda a nave do templo.
A celebración tamén contou con presenza institucional e entrega de agasallos. Neste sentido, o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, matizou que “con 500 anos de vida, é importante darlle á igrexa o valor que ten”. Tamén acudiu a rexedora de Xinzo, Elvira Lama. O acto finalizou coa entrega dunha placa á Coral Santa Mariña, ao representante do bispo, D. Tomás, o número 15 da Revista Lethes que contén un renovado estudo sobre o retablo de Francisco de Moure realizado por a mestrado en patrimonio Belén Gómez Manso. Finalmente, repartiuse entre os asistentes un folleto didáctico sobre a Porta de entrada de estilo manuelino onde se mostra a simbiose entre arte e fe ao longo dos séculos petrificadas polas mans dos canteiros na pedra.
Ao longo do ano do V Centenario tamén se levaron a cabo outros actos como vinte visitas guiadas por profesionais e a pronta instalación dun panel informativo e interpretativo na contorna do complexo da igrexa-rectoral para información de visitantes, peregrinos e turistas.