FEGADACE organiza o acto no marco do programa O teu Xacobeo
A traballadora social da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), Carla Miranda, estará o 10 de setembro en Sandiás para impartir unha charla sobre prevención do dano cerebral adquirido. Vai ter lugar ás 20:00 na Casa da Cultura.
A prevención do dano cerebral é unha preocupación transversal para FEGADACE. Afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia, non se pode evitar, pero si se pode previr incidindo nas súas causas. O risco de ictus e traumatismos por accidentes ou golpes pode minimizarse se se teñen en conta os consellos da Federación Galega de Dano Cerebral.
O Camiño de Santiago e as propias vivendas son escenario de moitas situacións de risco, especialmente de traumatismos cranioencefálicos, pero tamén é unha oportunidade fantástica para incorporar hábitos saudables, sobre todo a nivel de actividade física, cos que reducir o risco de ictus.
Dirixida especialmente a peregrinos e peregrinas, así como a toda a poboación local encargada da súa atención e recepción, pero tamén a coidadores e coidadoras nos entornos familiares, esta actividade informativa vai estar centrada na prevención dos traumatismos cranioencefálicos: accidentes de tráfico, golpes, contusións e caídas.
Tamén se falará sobre o ictus, que é a principal causa do dano cerebral adquirido.
Esta charla inclúese no marco do programa O Teu Xacobeo, financiado pola Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021-2022. Conta coa colaboración do Concello de Sandiás.