En Sandiás cázase o lixo para coidar os montes

Concienciar e mobilizar aos veciños do Concello no Día do Medio Ambiente

O Concello de Sandiás, xunto coa Sociedade Deportiva de Cazadores de Sandiás, vén de por en marcha unha campaña con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que tivo por finalidade concienciar e mobilizar aos veciños para manter de forma colaborativa as contornas libres de lixo. A campaña levaba por título “Á caza do lixo”. Unha das accións foi revisar determinados puntos de acumulación de lixo e levalos ao punto limpo máis próximo. A outra acción foi recoller plásticos, botellas, cristais e outros restos de lixo das rúas do pobo de Piñeira de Arcos.

2100 kilogramos de lixo en neumáticos de camión

Un ano máis, personal do Concello e membros do Tecor de Sandiás, xunto con veciñas e veciños xuntáronse na mañá do sábado 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, para recoller todo o lixo que puideron dos montes e rúas. Recolléronse, aproximadamente, 2600 kilogramos, dos cales 2100 foron rodas de camións. Os restos foron trasladados aos puntos limpos de Xinzo de Limia e Calvos de Randín.

O punto de acumulación de lixo máis significativo estaba situado no monte de Sandiás, máis aló do paraxe chamado Regueiriño. Retiráronse corenta e dúas rodas de neumáticos de camión que pesan aproximadamente uns 2100 kilogramos. Outros puntos significativos que se recolleron estaban enclavados no “Campo das Poulas” (Cardeita), aldea de Arcos, “Amieiro” (A Fontela) e no Monte de “Santa Mariña”.

Entre o lixo recollido predominaban as neveras e frigoríficos, carros de ferro, potas de cociñas, bidóns de lata e plástico, mascariñas, latas, plásticos, botellas de vidrio, sillas, botes de pintura e cascos de garrafóns, e outros restos de material orgánico. A xornada finalizou cun xantar de fraternidade.

Utilizouse para a tarefa de recollida un kit de limpeza aportado polo Concello consistente nun par de luvas, bolsas para o lixo e tres vehículos con remolques. Ao longo do desenvolvemento da tarefa seguiuse o protocolo preventivo contra a covid-19.

Agradecementos

O Concello agradece á Sociedade Deportiva de Cazadores de Sandiás e ao grupo de veciños voluntarios que respostaron a convocatoria. Aínda queda un longo percorrido na labor de facer pedagoxía e toma de conciencia por parte de todos, pero sabemos por onde temos que ir. Este pequeno xesto seguirase a facer nos próximos anos, xa que é unha acción que non custa, máis ben enorgullece, suma e, sobre todo, axuda a manter limpo o lugar onde vivimos.

O noso deber é educar, colaborar e sensibilizar facendo pequenas accións. Non está de máis recordar que manter limpas as rúas, os parques, os xardíns, o río e os montes tamén é unha obriga da veciñanza, non só do Concello e da empresa encargada de recoller o lixo.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?