No marco do Verán e Outono Culturais 2021 e do Programa Cultural “Sandiás, encrucillada de camiños e camiñantes (romanos, irmandiños, fidalgos e peregrinos)», o Concello de Sandiás inagurou o venres 6 de agosto a exposición de 25 láminas de Manuel Traveso coa técnica da pluma estilográfica.
Na inauguración tivo lugar a intervención do alcalde Felipe Traveso, o concelleiro de Cultura Pepe Gándara e o propio Manuel Traveso presentando a súa obra. Grazas ás case sesenta persoas que estiveron presentes na inauguración. Como dixo Otero Pedrayo “ (…) de novos pensamos “ camiñar” os camiños e ven pronto decatámonos como eles nos “camiñan” a nós (…)”.
Manuel Traveso Santana, natural de Vilariño das Poldras (Sandiás), topógrafo, delineante, mestre Industrial, formado na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela e posteriormente graduado en Deseño na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense, comeza a desenvolver a súa obra a partir de 1990, desde o compromiso coa súa xente, o seu contorno e coa tradición máis próxima vivida.
A exposición divídese en tres series (os viziños, os paseios e os labores) relacionadas directamente con tres conceptos (o agarimo, a beleza e a vontade) que pretenden agrupar os motivos que inspiraron ao autor a retratar un mundo intimista, próximo e cotiá dunha realidade xa vivida e que non volverá.
A exposición estará na casa de Cultura de Sandiás entre o 6 de agosto e o 31 de agosto e pódese visitar todas as tardes de luns a domingo entre as 16:00 e as 20:00.