No marco do Verán e Outono Culturais 2021, o Concello de Sandiás vén de programar a exposición fotográfica aberta Chisco de olhos de Mercedes Vázquez Saavedra, na que se expoñen fotografías etnográficas de traballos de campo.
- Cando terá lugar? Do 2 de xullo ao 31 de xullo do 2021.
- Onde terá lugar? Na Casa da Cultura (Sandiás)
- Inauguración: O 2 de xullo ás 20:00 na Casa da Cultura.
- Horario de visitas: De luns a domingo, das 16:00 ás 20:00.
- Presenta a exposición Xosé Calleja.
A actividade realizarase cumprindo o estrito protocolo contra a covid-19.
Sobre Mercedes Vázquez Saavedra
Mercedes Vázquez Saavedra , é natural de Sarria (Lugo). Despois dun corto período como profesora no Colexio da Asunción de Sarria (Lugo) pasou para a administración pública onde exerceu o cargo de directora do Centro de Asuntos sociais e como coordinadora de actividades socio-culturais na Delegación Provincial de A.S. de Lugo, da Xunta de Galicia. Mercedes traballou máis de 40 anos na administración pública coordinando e organizando actividades socio-culturais. Provén dunha familia de artistas culturalmente moi activa. Dende pequena xa facía teatro e lémbrase escribindo toda a vida.
De feito, encadeu estos traballos e actividades co mundo da escrita, onde publicou na editorial Galaxia a Guía do Courel, a “Guía da Ribeira Sacra” e a “Guía da Pobra do Brollón”. A autora escribiu tamén as biografías da poeta María Mariño e do escritor e político Ramón Piñeiro, editadas pola Delegación de Cultura de Lugo.
Pertenceu ao Grupo Avary composto por pintores, escritores, fotógrafos, etc. asociación da que foi cofundadora, e coa cal levou a cabo numerosas exposicións itinerantes.
A escritora e fotógrafa, pertence tamén á Academia Ibérica da Máscara, con sede en Braganca, da que é secretaria.
Apaixoada da fotografía, nos anos 2018 e 2019, dada a súa ligazón ao mundo da máscara, Mercedes Vázquez levou a cabo a mostra itinerante “Viaxe polo mundo da Máscara” na que se reflicten máis de trinta anos de investigación. Esta mostra que xa se expuxo en gran parte da xeografía galega e do norte de Portugal, abrange fotos das máscaras de Galiza, Portugal, Asturias, Cantabria, León, Zamora, Extremadura e Andalucía.
No ano 2018 estrea en Vilar de Santos (Ourense), a exposición “Mulheres”, onde as protagonistas son mulleres do rural galego-portugués e no ano 2019 tamén na estrea en Viana do Bolo. Últimamente expuxo “Mulheres” na Cada da Cultura de Viinhais (Portugal), en Melgaco é en Sarria (Lugo).
Actualmente está mergullada nos proxectos, HOMES, FAMILIAS E TRABALLOS DO MUNDO RURAL. Considérase unha apaixoada pola vida e pola cultura en xeral.
Unha das fotografías que forman parte da exposición Chisco de Olhos de Mercedes Vázquez Saavedra
Sobre a exposición
A exposición de fotografía etnográfica estivo no 2020 na Arca de Noé (Vilar de Santos) e chega agora a Casa da Cultura do Concello de Sandiás. Pódese visitar dende o día da súa inauguración (2 de xullo) ata o 31 de xullo en horario de luns a domingo de 16:00 a 20:00.
Trátase dunha investigación que utiliza a ferramenta fotográfica para afondar no coñecemento dos traballos do mundo rural, especialmente dos homes e mulleres da raia galego-portuguesa, especialmente das aldeas comunitarias de Pitôes, Chaves e Paredes (Montealegre), relacionados coa segada, a palheirada, a malhada e a carrexada.
Mercedes Vázquez, apaixoada da fotografía levou a cabo unha práctica sobre o terreo na que se reflicten moitos anos de investigación. Como indica, “ (…) a fotografía sempre formou parte da miña vida. Aprendina co meu tio (…). Compaxinei traballos socio-culturais con outros documentais e mesmo me mergullei no mundo da escritura. A fotografía nunca a considerei un hobby (…). As miñas fotografías son produto de traballos de campo etnográficos que beben nas fontes das tradicións (…).
Nas 100 fotografías da exposición quedan marabillosamente reflectidos valores como o comunitarismo, a preservación das tradicións, os contos e narracións ao redor do lume, a participación da infancia nos traballos do campo (“os nenos olhando os traballos comunitarios”), o contacto coa natureza e a posta en valor do pastoreo, a importancia de dar e compartir entre a veciñanza, o valor das pequenas cousas (“ as mulheres de Pitôes fixéronme entender que a vida máis simple é a máis importante”), a labor dos segadores e segadoras, das gabelas e malladas, visibilizar o rico e fermoso patrimonio inmaterial, a dialéctica entre o progreso e a preservación da identidade, a dor pola perda do patrimonio humano (“ a perda das minhas vecinas como a señora ana do bandarra é uma dor”), a visibilización do traballo sufrido (“ segadores galegos e portugueses pasando calor e fame, durmindo en palleiros, deixando a familia”), entre outros.
Finalmente, comentar que as exposicións de Mercedes Saavedra son exposicións abertas: “ (…) eu concibo as exposicións abertas, ás que irei engadindo novas fotos e novas miradas (un novo “chisco de olho”), doutras segadas, malhadas e doutros traballos do campo. Os que me coñecedes, sabedes que as miñas exposicións non son estáticas, engado sempre algo de novo (…)”