Exposición: Triloxía Fotográfica de Blas González «Cadernos da Limia»

Canto nos alegramos que o proxecto do fotógrafo Blas González que desenvolve a súa carreira entre España e Reino Unido onde completa a súa formación na University for the Creative Arts, se materialice nunha exposición. A música ten que ser escoitada e a fotografía ten que ser vista.

Paisaxe, identidade e memoria, configuran o corpo desta triloxía fotográfica que levou ao autor nunha viaxe sen retorno emocional ás terras limianas: “Notas dunha lagoa ausente” (paisaxe), “Civitas Limicorum” (retratos) e “Interseccións” (arquivo intervido). A identidade é un tecido de natureza sutil, tramado cos fíos invisibles da memoria e as delgadas hebras que nos vinculan aos lugares que amamos. Os Cadernos da Limia son, en parte, resposta a esa pregunta de identidade. Hai moito de procura persoal nestes Cadernos que se inician interrogando á paisaxe, que buscan nos arquivos da memoria ou que se miran no espello das persoas retratadas. E o caderno vermello que acompañou a Blas nesta viaxe foi a carta de bitácora na que rexistrou nomes de persoas e lugares, datas, recordos, anécdotas e… fotografías.

O tempo cumpriuse de poñer en obra aquilo que se anunciaba na declaración artística deste proxecto e devolver á sociedade limiana, convertido en activo cultural, aquilo que lle foi entregado con tanta xenerosidade ao autor. Por iso, produce unha gran alegría anunciar -a un mes vista- a inauguración da exposición “Cadernos da Limia: Paisaxe, Identidade e Memoria” na Casa da Cultura do Concello de Sandiás. Non hai sitio mellor que no corazón da Limia, nas beiras mesmas da Lagoa ausente. Nas próximas semanas iremos dando detalles e vos convidamos a redondear en vermello no calendario a data do 18 de novembro.

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?