FÍOS QUE CREAN HISTORIAS

Preservar a memoria e poñer en valor os saberes tradicionais: un obradoiro en Sandiás que mestura as pezas das costureiras co oficio da pesca e os artesáns das canas de pescar.

📅 Sábado, 22 de agosto
⏰ 20:00 h
📍 Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Sandiás

🥂 A inauguración estará acompañada duns petiscos e dun momento de convivencia no Local Social do Concello de Sandiás.
✨ Exposición de 50 pezas de roupa, reciclaxe, bordados e outras creacións.

Este sábado terá lugar a inauguración da terceira exposición, que leva por título:
🧵 “Fíos que crean historias. Imaxina, crea, transforma. Todo comeza cun fío”.
A mostra consta de preto de 50 pezas de roupa, traballos de reciclaxe, bordados e outras labores realizadas no Obradoiro de Costura, desenvolvido no Local Social de Sandiás e animado por Geni Losada, no que participaron preto de 20 persoas, poñendo a proba a súa iniciativa, aprendizaxe e creatividade nos seus proxectos de patronaxe e confección.

👗 Durante este tempo realizáronse aproximadamente 19 pezas de roupa con tecidos novos. Pero tamén se quixeron aproveitar materiais que xa se tiñan para darlles unha segunda vida. Así, entre pantalóns vaqueiros e camisas recicladas, fixéronse outras 30 pezas, transformándoas en saias, bolsos, mandís, fundas para botellas e outras creacións. A todo isto hai que engadir os bordados e outras labores que cada participante foi realizando segundo os seus gustos e preferencias. Porque detrás de cada peza hai tempo, traballo, aprendizaxe e, sobre todo, moita ilusión. ❤️

♻️ A costura non serve só para facer roupa. Tamén permite reciclar, crear cousas novas e, por que non, divertirse. Precisamente por iso, nesta exposición tamén estarán presentes os peixes deseñados e cosidos para o último Entroido, que formaron parte do traxe dunha comparsa e acompañaron a carroza presentada a concurso, conseguindo varios premios.

🎭🏆 E xa que son peixes, quixemos aproveitar a ocasión para facer unha pequena homenaxe aos pescadores da zona, que, aínda que hoxe son poucos, forman parte da súa historia e das súas lembranzas.


Entre esas lembranzas está o avó de Alejandro Portela, gran afeccionado á pesca e, ademais, un excelente xastre. Co paso dos anos, o seu neto continuou coa tradición e foi un paso máis alá: ademais de pescadores, convertéronse en artesáns capaces de fabricar as súas propias canas de pescar. A selección dos materiais, a preparación, o traballo manual e a elaboración de cada cana forman parte dun proceso que require paciencia, experiencia e moito coñecemento. Na exposición mostrarase unha cana elaborada artesanalmente e disposta para a venda, como lembranza e homenaxe a todas esas persoas que forman parte da tradición e da memoria da zona.


🌾 Igual que a I Exposición de Costura foi unha homenaxe aos xastres e costureiras, e a II Exposición quixo ser unha homenaxe aos labregos e labregas do concello, nesta terceira edición queremos poñer en valor a aprendizaxe, a tradición e a memoria familiar arredor da costura, da pesca e do oficio artesanal de elaborar canas de pescar.


💚 A idea é sinxela: compartir con todas as persoas asistentes unha mostra dos traballos realizados ao longo deste obradoiro, que continuará ata o mes de novembro, e render homenaxe a estes oficios e ás persoas que contribuíron a manter viva a nosa memoria.


✨ Agardamos que a exposición guste e que todas as persoas que a visiten desfruten vendo os traballos tanto como as participantes desfrutaron facéndoos.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.