María Solinha: unha película complexa e sabia

María Solinha (2020): unha película complexa e sabia para «caer na conta» de como no século XXI os mecanismos do poder tamén disciplinan e controlan os corpos e as mentes sen aparente represión e violencia

Estrea en primicia no Concello de Sandiás, xa que debido á pandemia aínda non foi estreada oficialmente nos cinemas. Foi un privilexio contar en directo co seu director Ignacio Vilar que nos presentou as pautas  argumentativas da película e acompañou un breve coloquio posterior. Grazas a Ignacio Vilar pola sua presenza e ás 41 persoas que asistiron como público a función.

O argumento é claro pero o seu tratamento cinematográfico resulta máis complexo. O primeiro contrapón os mecanismos de poder e control da conciencia, os pensamentos e accións sobre a muller no século  XVII,  personificados na historia-lenda de Maria Solihna cos mecanismos de poder e control da muller nas sociedades contemporáneas.

O segundo, o desenvolvemento da trama argumental, resulta máis complexa de seguir xa que se desenvolve a acción cinematográfica nun dobre plano: o ensaio teatral da historia de María  Solinha no século  XVII, en primeiro lugar. Os nobres non estaban dispostos a perder o seu poderío e co apoio da Santa Inquisición, comezaron unha caza de bruxas contra mulleres cunha  boa posición económica ou conduta  heterodoxa que quedaron viúvas para  facerse cos seus bens. Entre ditas mulleres atopábase Maria Soliño ou  Soliña.

Simultaneamente desenvólvese a vida propia dos actores cos seus avatares no século  XXI. Un director de teatro chega a Cangas  do Morrazo coa intención de reconstruír nunha obra a lenda de María  Solinha, unha muller viúva que viviu no século  XVII e foi acusada de bruxería pola Inquisición. Simultaneamente, a protagonista da obra de teatro, sofre, no século XXI, os ecos das agresións que viviu Solinha no século XVII. Dúas mulleres protagonistas dos ensaios teatrais e da vida real representan á súa vez na pantalla a dúas mulleres do noso tempo que sofren as mesmas coaccións do poder, represións,  invisibilización, presións de homes e mulleres do contorna  etc.

Ao longo do visionado da película resulta case imposible non traer á mente as achegas do filósofo Michael Foucault, especialmente no seus libros “ Microfísica do poder” e “Vixiar e Castigar”. Pasamos das “sociedades disciplinarias” ás “sociedades do control”. O poder e o control na modernidade non producen só instancias negativas senón tecnoloxías, sistemas de dominación e réximes de verdade de acordo aos cales actúan os homes e as mulleres.

A finalidade do tratamento argumental da película é claro pero complexo de comprender na súa tradución cinematográfica. Trátase de “caer na conta” de que hoxe segue a existir un sistema de control (como antigamente a Inquisición) que tamén vixía, sanciona e dirixe os nosos pensamentos e comportamentos pero sen aparente represión e violencia.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?