O CDR O Viso en colaboración co Concello de Sandiás fomentan a concienciación ambiental e a limpeza da contorna cunha andaina de recollida de lixo

O pasado sábado 2 de novembro de 2024, o CDR O Viso, en colaboración co Concello de Sandiás, convocou a participar nunha xornada de recollida de lixo comunitario nun pequeno tramo do Camiño de Santiago, partindo desde O Novaíño. A actividade desenvolveuse nun percorrido circular que finalizou no mesmo punto de inicio. Esta xornada insérese nas accións conxuntas para fomentar a concienciación ambiental e o desenvolvemento sostible, co obxectivo de protexer e preservar o patrimonio natural da comarca.

A recollida, aberta a toda a veciñanza de Sandiás e concellos próximos, deu comezo no punto de encontro da localidade de Sandiás. Antes de iniciar a recollida, o organizador Andrés Bobe (Técnico Ambiental),  ofreceu unha breve introdución sobre boas prácticas a finalidade da actividade e explicou aos participantes o desenvolvemento da mesma.  Os 15 participantes dispoñeron dos materiais necesarios, como luvas e bolsas, para facilitar o bo desenvolvemento da acción. Ao final da xornada, organizouse un pequeno ágape para recuperar forzas despois do traballo realizado e houbo un faladoiro compartido entre os participantes sobre a experiencia ao redor de como se sentiu cada un/unha no medio natural e a coherencia entre o que pensamos e facemos cando nos relacionamos día a día co medio ambiente.

Os obxectivos da Xornada foron promover a conciencia ambiental entre as persoas participantes, fomentar a participación cidadá na protección e conservación dos espazos naturais e limpar e restaurar a contorna natural, un hábitat de alto valor ecolóxico. Os guías e animadores do CDR O Viso insisten en que a participación comunitaria é clave para manter os nosos espazos naturais libres de residuos e sensibilizar á poboación sobre a importancia de preservar o noso medio.

Dende o Concello de Sandiás dita acción compleméntase con outra que xa vai polo sétimo ano denominada «Á caza do lixo» desenvolvida o 6 de Xuño, Día Mundial do Medio Ambiente e cuxa finalidade é unha recollida de depósitos de lixo de gran volumen polos montes da contorna do concello.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?