O mércores 5 de xaneiro pola tarde os Reis Magos de Oriente visitaron aos 33 cativos e cativas de 12 aldeas do Concello de Sandiás. Foi unha ruta moi emocionante, xa que segundo as súas Maxestades «os nenos e nenas de Sandiás son encantadores, tímidos pero cando se soltan moi faladores e máxicos e con gran paixón imaxinativa”.
Ademais de visitar cada casa dende a que mandaron a carta en prazo, un lugar moi especial onde os esperaban con moita ilusión os nenos e nenas máis cativos acompañados dos seus educadores foi o PAI (Punto de Atención Infantil).
En palabras de Melchor, «os tres Reis Magos agradecemos enormemente a colaboración inestimable dos traballadores do Concello e algúns veciños que nos guiaron certeiramente por todo o Concello».
Segundo Baltasar, «os pequenos e pequenas de Sandiás son moi educados e intelixentes, xa que escoitaron con moita atención os consellos para deitarse cedo e durmir para recibir de noite os agasallos».
Gaspar, moi emocionado coa recepción do alcalde e de toda a veciñanza, declara que «volverán sen ningunha dúbida o próximo ano» porque considera que «poucos sitios son tan fermosos e gardan tantos tesouros como este Concello».
¡Moitas grazas pola vosa visita! Sempre seredes benvidos en Sandiás