Concienciar e mobilizar aos veciños do Concello no Día do Medio Ambiente
O Concello de Sandiás, xunto coa Sociedade Deportiva de Cazadores de Sandiás, vén de por en marcha unha campaña con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que tivo por finalidade concienciar e mobilizar aos veciños para manter de forma colaborativa as contornas libres de lixo. A campaña levaba por título “Á caza do lixo”. Unha das accións foi revisar determinados puntos de acumulación de lixo maior e levalos ao punto limpo máis próximo. A outra acción foi recoller lixo menor das rúas das aldeas de A Chousela e A Corga.
800 quilogramos de lixo en neumáticos de tractores, coches e ferro
Un ano máis, personal do Concello e membros do Tecor de Sandiás, xunto con veciñas e veciños xuntáronse na mañá do sábado 3 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, para recoller todo o lixo que puideron dos montes e rúas. Recolléronse, aproximadamente, 800 quilogramos de rodas, televisores, azulexos, botellas, zapatos, plásticos, neveiras, biombos e pratos de ducha, sillas, cascos de garrafóns, ferros, cordas, restos de mobles e outros restos de material orgánico. Os restos foron trasladados aos puntos limpos de Xinzo de Limia. A xornada finalizou cun xantar de fraternidade. Utilizouse para a tarefa de recollida un kit de limpeza aportado polo Concello consistente nun par de luvas, bolsas para o lixo e dous vehículos con remolques.
Agradecementos á Sociedade Deportiva de Cazadores, ao PAI de Sandiás e aos veciños voluntarios
O Concello agradece á Sociedade Deportiva de Cazadores de Sandiás, ao PAI de Sandiás e ao grupo de veciños voluntarios que respostaron a convocatoria. Aínda queda un longo percorrido na labor de facer pedagoxía e toma de conciencia por parte de todos, pero sabemos por onde temos que ir. Este pequeno xesto seguirase a facer nos próximos anos, xa que é unha acción que non custa, máis ben enorgullece, suma e, sobre todo, axuda a manter limpo o lugar onde vivimos.
O noso deber é educar, colaborar e sensibilizar facendo pequenas accións. Non está de máis recordar que manter limpas as rúas, os parques, os xardíns, o río e os montes tamén é unha obriga da veciñanza, non só do Concello e da empresa encargada de recoller o lixo.
Para continuar o camiño cara a unha concienciación social lembramos o do punto limpo móbil da Deputación que fai retirada de residuos a domicilio e que precisa dunha simple chamada ao concello (988 46 50 01) e dos puntos limpos da Comarca da Limia (Xinzo de Limia, mércores e xoves entre 17:00 e 19:00 e sábado entre 10:00 e 14.00; Vilar de Santos, mércores de 10:00 e 14:00 e Calvos de Randín, xoves de 10:00 a 14:00, para que ninguén do concello teña descoñecemento destes servizos e faga uso deles.