O Concello de Sandiás ven de realizar a I Visita guiada ao patrimonio xeográfico-mineiro, natural e histórico-etnográfico das Areeiras de Sandiás. As visitas guiadas levaronse a cabo o pasado sábado 29 de Xullo entre as 9.30 h-13.30 h cunha participación de case medio centenar de persoas provenientes de Ourense, Piñeira de Arcos, Vilar de Santos, Ramirás, San Cibrao das Viñas, A Bola, Allariz, Pereiro de Aguiar, Barcelona, etc. A actividade foi gratuíta e contou con varios especialistas nos diferentes patrimonios, entre eles, Serafín González, Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
A primeira visita tenia como finalidade por en valor o patrimonio xeolóxico-mineiro da zona. Estivo dirixida por Anxo González vinculado a Corporación Arenera da Limia S.L. Falounos das características das charcas, os sistemas e máquinas para realizar a explotación das mesmas, os obxectos que se atopan no fondo das mesmas e os diferentes tipos de area e os seus usos así como a situación do mercado actual. Tamén os compromisos que adquiren na restauración ambiental. Houbo interese e preguntas varias sobre o marco legal da zona (Proxecto sectorial das Areeiras) e o futuro inmediato da mesma. Agasallounos con diferentes froitas da súa horta particular.
A segunda visita relacionada co patrimonio natural estivo animada polo presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González. Visitamos un primeiro proxecto denominado “Poza das Conícoras” onde se suavizaron os noiros verticais e creáronse desniveis para xerar illotes arenosos onde a avifauna descanse, críe e se alimente, ademais das necesarias labores de limpeza. O segundo proxecto visitado foi o denominado “Poza dos Arieiros”, onde se pode atopar Epidularia e Anduriñas das Barreiras, entre outras especies. As ricas explicacións foron acompañadas con láminas didácticas e os asistentes puxeron moito interese.
Finalmente, a terceira visita foi animada polo coordinador do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, Pepe Gándara. Tratábase de coñecer mellor o patrimonio histórico-etnográfico vinculado aos palafitos lacustres e as casas construídas en base a unha arquitectura sustentábel baseada na terra. As explicacións foron acompañadas tamén por láminas didácticas sobre as estruturas palafíticas, a piragua monóxila da Lagoa de Antela, as características dúas terróns e vos distintos tipos de estruturas de casas e palleiras de terróns da zona de Cardeita, Lavandeira e Zadagós.
Moitas grazas a tódolos participantes, especialmente a Anxo, Serafín e Pepe por compartir unha rica e fantástica xornada de aprendizaxe sobre o terreo e de convivencia. Melloramos os coñecementos e tamén se creceu en conciencia ambiental e militancia en favor do coidado do noso patrimonio cultural.