22 alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional A Granxa (CIFP A Granxa) de Ponteareas, acompañados dos seus profesores, visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e as Areeiras de Sandiás. O CIFP A Granxa, está especializado en temas medioambientais e oferta unha especialidade única en Galicia, o Ciclo Superior de Educación e Control Ambiental en réxime presencial, de adultos e FP Dual de 2º Curso. Unha visita de tres horas e media didáctica e intensa. Graciñas pola visita a Sandiás.
A primeira parte, visita guiada baixo a animación de Alex de los Ríos, tivo relación coa exposición permanente na Casa da Lagoa e unha introdución xeral ás areeiras de Sandiás.
Introducíronse na Lagoa de Antela por medio de reproduccións de cartografía e imaxes históricas e informáronse de dous proxectos de desaugamento da Lagoa. Visionaron tres proxeccións sobre a xeografía dos pobos dos Límicos e o valor ecolóxico da Lagoa de Antela. Pasáronlle revista a diversas lendas sobre a Lagoa asolagada e elementos etnográficos varios. Tamén puideron analizar as economías perdidas da Lagoa (recolección de ovos, caza de aves, comercio de rás e explotación de samesugas con fins médicos). Por último visionaron paneis expositivos sobre as aves e a fauna da primixenia Lagoa.
A introdución ás areeiras de Sandiás, intentou por en valor as areeiras como patrimonio xeolóxico-mineiro e como patrimonio natural. En relación co primeiro falouse da xeomorfoloxía das areeiras, dos períodos de explotación e dos sistemas de explotación industrial. En relación co patrimonio natural destacouse a biodiversidade das charcas, ilustradas didácticamente cunha morea de imaxes.
Así mesmo, expuxéronse tres proxectos de intervención e mellora, entre outros: o roteiro de avistamento de aves realizado polo Concello de Sandiás, o proxecto da “Poza dos Arieiros” pola SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) e o proxecto de recuperación de dúas areeiras polo Proxecto Life Rexenera Limia.
A segunda parte das visitas guiadas, baixo a animación de Pepe Gándara, tivo un enfoque máis práctico xa que visitaron “in situ” as Areeiras non territorio que corresponde ao Concello de Sandiás. A andaina por esta paraxe é unha auténtica gozada para o disfrute dos sentidos. Concretamente visitouse o Observatorio 1 (Casa dos Terróns, exemplo de arquitectura tradicional sostible, outra visita foi ao proceso de explotación industrial dunha charca dirixida e animada por Salvador Blanco e, finalmente, a visita ao proxecto de dúas charcas recuperadas polo Proxecto Life Rexenera Limia. Quizais nun futuro próximo estas pezas dispersas ou como alguén lle chamou “o minifundismo da auga”, poidan volver configurar un novo humidal herdeiro do xa mítico lago Beón.