O pasado 2 de novembro o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso e a concelleira de Economía e Medio Ambiente María José Manso estiveron presentes xunto con medio cento de representantes institucionais e empresarios na presentación da estratexia e da marca turística da provincia de Ourense, no Castelo de Monterrei. No que atinxe á dixitalización anunciouse tamén o Plan Destino Turístico Intelixente.
Coa marca “OU” que se presentaba en dito acto atópase un amplo territorio integrado polos 92 concellos que conforman a provincia, entre eles o Concello de Sandiás. Según indicou o presidente da Deputación Jose Manuel Baltar e a responsable do Inorde Enma González, a marca pivota sobre catro eixos que constitúen os produtos cabeceira do territorio: a natureza, o patrimonio, e enogastronomía e o termalismo. Segundo os responsables dito territorio conta con 72 Bens de Interese Cultural, 2 camiños de Santiago, 21 espazos naturais, 4 rutas do viño, 20 festas de Interese Turístico, 4 centros BTT e 63 itinerarios de Interese Paisaxístico.
A Deputación e o Inorde sinalan este momento propicio para a creación da marca turística no contexto dun cambio significativo que vivirá a provincia en vindeiras datas coa chegada da Alta Velocidade Ferroviaria a Ourense.