O informe técnico sobre a situación da Vía Nova presentouse xoves 12 de xaneiro no Concello do Barco. Estaban convocados polo Eixo Atlántico e a Deputación de Ourense, os 23 concellos ourensáns, 3 portugueses e 12 de León. Entre os concellos da provincia de Ourense estaba presente o de Sandiás a través do alcalde e a tenente alcalde Felipe Traveso e María José Manso respectivamente.
A finalidade do informe técnico é facer un diagnóstico do estado da Vía Nova no seu conxunto como paso previo para conservala, divulgala e desenvolver toda a súa potencialidade patrimonial e cultural. Os traballos que se veñen realizando están sendo executados polo Eixo Atlántico e a Deputación de Ourense en colaboración cos concellos ligados o itinerario cultural. A idea manifestada polo alcalde do Barco é enfocar o proxecto da Vía Nova en conxunto e non por partes, por iso se foi implicado de xeito progresivo a Consellería de Cultura a Cámara de Braga e a concellos de Castela.
O proxecto conta con dúas partes complementarias: a Vía Nova e o proceso de romanización. O informe técnico da parte galega foi realizado por Antonio Rodríguez Colmenero e Santiago Ferrer Sierra e tamén se pediu os concellos que revisaran os informes técnicos e fixeran as súas propias aportacións. O seguinte paso será a presentación do proxecto aos fondos europeos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar destacou a importancia de traballar en rede e cooperar. Tamén indicou que é o momento de facer unha homenaxe a historia cultural da nosa provincia cun circuíto cultural da romanización, dos cales, a Vía Nova, é un dos piares fundamentais.