22 membros da Sociedade Internacional de Xeoloxía e Minería para  o desenvolvemento e  xestión do territorio (sigmadot), visitan o centro de interpretación da Lagoa de Antela

22 integrantes da “Sociedade Internacional Internacional de Xeoloxía e Minería (Sigmadot) para o Desenvolvemento e Xestión do Territorio” provenientes de lugares variados como Cataluña, Valencia, Madrid e Galicia visitaron  o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela en Sandiás. Trátase dunha sociedade que ten como obxectivo a ordenación do territorio e o desenvolvemento desde o punto de vista da xeoloxía e a minería ambiental así como a promoción e difusión de actividades relacionadas co mesmo.

Viñan a unha xeira especial coa intención de saborear a xeoloxía da provincia de Ourense e concretamente a Limia, terra rica en historia, arqueoloxía, etnografía e lugares de interese xeolóxico, o motivo máis importante da súa visita. Guiados por Eduardo González Clavijo, xeólogo pola Universidade de Salamanca, profesional autónomo e que realizou traballos de divulgación xeolóxica como o proxecto Silxe, colaborou na Guía Xeolóxica da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerés-Xurés, na realización dos  “Geolodías” e en roteiros para a Cámara Oficial da Minería de Galicia para colexios e institutos, entre outras moitas actividades.

 Cando chegaron a Casa da Lagoa, viñan de percorrer o canón do Sil, o val do Miño e estaban tamén moi interesados en coñecer a Lagoa de Antela, especialmente o seu proceso de formación xeolóxica e o proceso  de desecación.

A primeira parte, visita guiada baixo a animación de Alex de los Ríos,  tivo relación  coa exposición permanente  na Casa  da Lagoa. Visionaron unha  proxección sobre  a xeografía dos pobos Límicos e a Lagoa de Antela.  Pasáronlle revista a diversas  lendas sobre  a Lagoa  asolagada e elementos etnográficos varios como os hipotéticos asentamentos palafíticos e as casas de terróns.  Tamén  puideron analizar  as chamadas economías perdidas da  Lagoa (recolección de ovos, caza de aves, comercio de rás e explotación de samesugas  con fins  médicos). Por último  visionaron paneis expositivos sobre  as aves e a fauna da  primixenia  Lagoa.

A segunda parte, visita guiada baixo a animación de Pepe Gándara e  de Eduardo González. Púxose énfase nos factores que contribuíron a formar a depresión da Limia e concretamente a formación da Lagoa de Antela. Expúxose sintéticamente un relato interpretativo dos procesos xeomorfológicos, hidrolóxicos e antrópicos (relativos á acción humana) que conformaron a paisaxe da Limia actual. En relación cos factores xeomorfolóxicos, Eduardo González mostrounos tres vídeos moi didácticos en relación co chan da Lagoa de Antela, concretamente a transmisibilidade da area, da arxila e da roca e que explican moi claramente fenómenos como a maior ou menor secura do chan e tamén a maior ou menor contaminación. Pepe Gándara expuxo finalmente as claves do proceso de desecación, especialmente o  hipotético de Adriano, o de Toubes no século XIX e  con máis detalle o franquista asi como o proceso de concentración parcelaria e as súas consecuencias.

Moi satisfeitos quedamos na Casa da Lagoa e grazas pola vosa visita  e o interese pola Comarca da Limia e polo noso Centro de Interpretación. Esperamos transmitir unha visión integral da Lagoa de Antela e  que gozásedes coa visita.

Cecais nun futuro próximo estas pezas dispersas poidan volver configurar un novo humidal  herdeiro do xa mítico sistema lagunar natural denominado lago Beón.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?