A Biblioteca Municipal converteuse nun espazo cheo de imaxinación e tenrura coa celebración dun contacontos dirixido aos nenos e nenas do PAI de 0 a 3 anos. A actividade xirou arredor do coñecido conto ¿A qué sabe la luna?, unha fermosa historia que esperta a curiosidade dos máis pequenos.
O relato narra a historia dun grupo de animais que, intrigados polo misterio da Lúa, deciden colaborar para alcanzala e descubrir o seu sabor. A través do traballo en equipo e a cooperación, cada animal achega o seu gran de area ata conseguir tocar a Lúa, descubrindo finalmente que sabe a aquilo que cada un máis desexa. Trátase dunha historia sinxela pero chea de valores como a amizade, a solidariedade e o esforzo compartido.
A sesión estivo ambientada coa música de Arigato Música Infantil, A qué sabe la luna?, que acompañou o desenvolvemento do conto creando unha atmosfera máxica e envolvente que captou a atención dos cativos en todo momento.
Como broche final da actividade, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de “probar a que sabe a Lúa”, degustando unhas deliciosas galletas, nun momento cheo de ilusión e sorrisos.
No contacontos participaron tanto o alumnado do PAI coas súas familias como a comunidade educativa, contando tamén coa presenza dunha representante do Concello, María José.
Dende a organización agradécese a participación de todos e todas neste tipo de actividades de fomento da lectura e das iniciativas culturais desde as primeiras idades.












