A Casa de Cultura de Sandiás foi na tarde do venres, 24 de maio de 2024, o escenario no que se presentou o Programa Rosalía, unha iniciativa de xestión compartida na que participan catro concellos da provincia. Ao acto asistiron o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso; os seus homólogos de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, e Vilar de Barrio, Manuel Conde, ademáis do tenente de alcalde de Xunqueira de Ambía, Francisco Javier Nogueiras, a concelleira de política social Pilar Cabrera e a directora de Red Talento e coordinadora do programa, Laura Seara.
Os cursos, que comezarán a próxima semana, inclúen 100 horas de atención laboral, xurídica e psicolóxica e diríxense a todas as mulleres co obxectivo de fomentar as súas habilidades laborais e persoais, ademais das súas capacidades profesionais e autoestima. Nesta edición, por primeira vez, ofrecerase unha escola de benestar e cursos de empoderamento, ademais de formación específica para a planificación económica de cara a xubilación, entre outras iniciativas.
O programa Rosalía, financiado pola Xunta de Galicia e que acadou unha alta valoración por parte dos seus equipos técnicos, comezará a próxima semana e as interesadas poderán obter información nas páxinas web e redes sociais dos concellos participantes.
Cómpre destacar que se trata dunha iniciativa de xestión compartida que une a catro concellos gobernados por diferentes grupos políticos e que unen as súas forzas para que as veciñas poidan acceder aos cursos e incrementar así a súa autoestima e motivación, ao mesmo tempo que reciben asesoramento personalizado para o acceso ao emprego e autoemprego.