Os pasados días 10 e 11 de decembro, a cidade da Coruña acolleu “As Elixidas”, un encontro internacional que reuniu alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia e doutros territorios. O evento foi organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto co Concello da Coruña.
As actividades desenvolvéronse no Palacio de María Pita e no Palexco. No Palacio de María Pita tivo lugar a sesión inaugural, a foto de familia nas súas escaleiras e un cóctel de benvida no seu salón dourado. Este espazo é especialmente simbólico, pois no lucernario están representadas figuras destacadas como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e María Pita.
Pola tarde do primeiro día, en Palexco, celebráronse diversos paneis nos que participaron varias representantes políticas, entre elas a alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo. O segundo día continuaron os paneis con representantes de Mozambique, Cabo Verde, Brasil, Baleares e Galicia. O encontro concluíu cunha conferencia maxistral e a sinatura da Declaración da Coruña.
O obxectivo principal foi por en valor o papel das mulleres no ámbito político local e fomentar a colaboración entre elas para afrontar os retos do liderado feminino. O programa buscou promover a representación feminina na política e fortalecer as redes de traballo.
En Galicia, dos 313 concellos, só 71 están liderados por mulleres, unha realidade que tamén se reflicte noutros países participantes. Ao longo do evento abordáronse cuestións como a promoción de políticas públicas de igualdade, os desafíos das políticas locais e as ferramentas para facer fronte á violencia no ámbito político.