Co propósito da presentación do libro “Unha vida de ra” o pasado venres 15 de marzo no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela (Sandiás), o escritor limiao Rafael Laso, autor do mesmo, levou a cabo a presentación de como xurdiu a idea de escribilo e a xénese do contido. Así mesmo deu cumprida resposta ás preguntas dos cativ@s que participaron no Clube de Lectura. Un intento de saborear a natureza, neste caso a Lagoa de Antela imaxinada, a través da literatura.
Os alumnos e alumnas máis maiores do Ceip de Sandiás participaron no clube de lectura cun traballo interdisciplinar utilizando as ferramentas das ciencias naturais, lingua, historia, artes plásticas, debuxo, literatura, educación física e música. Algúns dos traballos foron presentados no acto e houbo premios para os mellores.
En concreto, fíxose lectura en voz alta de textos dos libro, exposición de debuxos inspirados na súa lectura, traballouse a metamorfose da ra, as memorias dos lugares (os seus hábitats), as memorias dos sons (os seus cantos) como quedaron rexistradas na historia nas prazas, nos xardíns e nos canzorros das igrexas románicas o oficio do raneiro e os seus aparellos e o comercio de ras dende a Limia ata a mesma Inglaterra no século XV, entre outras cousas.
A sesión foi moi dinámica e divertida coas aportacións do alumnado do Ceip e a presenza do propio autor Rafael Laso. A actividade foi gratuita e aberta a todos os públicos ata completar aforo.