A Limia únese aos actos conmemorativos do Ano Oteriano 2026

O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, e o Museo da Limia, de Vilar de Santos, celebrarán os próximos días 5 e 12 de setembro, respectivamente, dous actos en lembranza do Patriarca das Letras Galegas, don Ramón Otero Pedrayo, desde perspectivas complementarias.

Baixo o título “A Limia e a Lagoa de Antela no imaxinario literario e paisaxístico de don Ramón Otero Pedrayo”, os relatores abordarán, no Museo Etnográfico da Limia, a ollada literaria de don Ramón á Limia e á Lagoa de Antela, mentres que no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela tratarase a súa visión da xeografía e da paisaxe da Limia e da Lagoa de Antela.

📍Vilar de Santos – Museo Etnográfico da Limia
📅Sábado, 5 de setembro
🕦11.30 horas


Terá lugar a primeira xuntanza, trala presentación do presidente do Museo da Limia, Delfín Caseiro. Intervirán o escritor e crítico Paco López-Barxas, quen presentará o libro “Ramón Otero Pedrayo, arredor de si”; Patricia Arias Chachero, profesora e secretaria da Fundación Otero Pedrayo, quen disertará sobre os vencellos entre D. Ramón e a Limia; e Xosé Carlos Sierra Rodríguez, ex-director do Museo Etnográfico de Ribadavia, que falará da mirada etnográfica de don Ramón Otero Pedrayo.

📍Sandiás – Centro de Interpretación da Lagoa de Antela
📅Sábado, 12 de setembro
🕖19.00 horas


Nesta segunda quenda de intervencións participará Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela, coa intervención “Otero Pedrayo e a paisaxe”.


A continuación, intervirá o escritor e divulgador Xosé Benito Reza, que foi Xefe de Medio Ambiente Natural en Ourense e Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, coa análise do texto “A memoria recuperada”.
Pechará o acto a proxección do documental “Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe”, da man da catedrática da Universidade de Vigo María José Bravo Bosch e Xosé Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.


Estas propostas convértense nunha oportunidade para mirar a paisaxe da Limia, coñecela, comprendela e tamén sentila. O acto rematará cuns petiscos e un momento de convivencia entre os asistentes.

Ámbolos actos e as súas charlas permiten achegarse á riqueza natural, histórica e cultural da comarca da Limia da man do legado de Ramón Otero Pedrayo, inspirándose na obra do escritor, xeógrafo e intelectual ourensán, que converteu este territorio nunha das súas principais fontes de inspiración.

O obxectivo é que a Terra da Limia estea viva no decorrer deste áureo Ano Oteriano 2026. A inspiración achegada polos relatores, que entende o territorio e a paisaxe como un espazo vivo estreitamente ligado á historia das persoas, combinará de xeito interdisciplinar biografía, xeografía, historia, etnografía, literatura e poesía.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.