Case coincidindo coa celebración do Día do Libro, o PAI de Sandiás viviu unha xornada chea de imaxinación e diversión o pasado venres 24 de abril. Reme Cid, acompañada da Furgoteca na súa travesía polo sur occidental de Ourense, fixo unha parada moi especial para achegar aos máis pequenos o entrañable conto de A casa da Mosca Chosca.
Durante a sesión, os nenos e nenas mergulláronse na historia dunha mosca que, cansa de zoar dun lado para outro, decide construír a súa propia casa e convidar aos animais do bosque. Cun delicioso pastel de amora e a mesa preparada con sete banquetes, a protagonista foi recibindo, un tras outro, a sete curiosos personaxes, desde o máis pequeno ata o máis grande, creando unha atmosfera chea de expectación e fantasía.
Tras a narración, a actividade continuou cun xogo no patio no que os participantes tiveron que atopar os personaxes do conto, previamente agochados. Unha vez descubertos, puxeron a proba a súa memoria lembrando os nomes completos de cada un deles, tal e como aparecen na historia.
A xornada rematou entre risas e entusiasmo, deixando claro que a lectura e o xogo seguen a ser unha combinación perfecta para espertar a creatividade dos máis pequenos, que gozaron dunha experiencia inesquecible.