A música folk galega soou con forza, o sábado 8 de Agosto, nun escenario incomparable. A contorna da Torre do Castro, no Concello de Sandiás, acolleu o concerto do grupo TOR, que presentou o seu aclamado segundo traballo discográfico, «Zira», nunha noite na que a música, a historia e a beleza do patrimonio se deron a man.
O concerto, celebrado ás 21:00 horas e con entrada gratuíta, congregou a preto de 200 participantes de Sandiás e das comarcas limítrofes, que gozaron dunha velada especial ao ritmo do folk galego e celta.
TOR é un dos referentes actuais do folk instrumental galego e conta cunha longa traxectoria no panorama folk e celta internacional. O cuarteto está formado por: Félix Castro (anglo concertina, acordeón diatónico, gaita galega en si bemol e toque pechado), Cástor Castro (frauta de madeira e bouzouqui), Xosé Liz (bouzouqui, guitarra acústica e mandolina) eÁlvaro Iglesias (contrabaixo). A posta en escena estivo acompaña tamén por unha parexa de baile.
O seu son combina a tradición musical galega coa esencia do folk celta, empregando instrumentos como a gaita, a frauta de madeira, o acordeón diatónico, o bouzouqui, o contrabaixo e a angloconcertina para crear unha atmosfera acústica, auténtica e cun marcado carácter «vintage». Durante o concerto puidéronse escoitar potentes muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras e piruxaldas, que se alternaron con pezas máis intimistas como alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, ofrecendo unha ampla variedade de sonoridades e emocións. As composicións proceden do Arquivo Castro Vicente e de temas ibéricos portugueses, vascos e casteláns.
O novo álbum, «Zira», destaca pola súa forte carga simbólica e musical. O seu título nace da unión de dous conceptos: A Torre, símbolo da renovación e da forza construída sobre raíces sólidas. Os catro compoñentes do grupo aparecen inmortalizados ao carón da Torre do Castro antes do impresionante concerto do ano 2023. Zira, palabra de orixe tamazight (bereber) que significa «luz de lúa chea», inspirada en Cira (Silleda), lugar onde foi gravado o disco. Así mesmo, na portada do disco aparece a Torre do Castro en Sandiás.
Este traballo reúne composicións propias e melodías tradicionais galegas recuperadas de arquivos históricos, con pezas como Mareantes, Mazurcas, Muiñeira Coitada, Pascuña ou Alalá de Lobeira. Ademais, conta coa colaboración de destacados músicos como Ruma Barbero, Carlos Quintá, Pancho Álvarez, Luis Peixoto, José Climent e Soco Rúa.
Desde o Concello de Sandiás queremos expresar o noso agradecemento aos preto de 200 participantes de Sandiás e das comarcas limítrofes que se achegaron ata a Torre do Castro e gozaron deste concerto, contribuíndo a facer da noite de onte unha velada especial e inesquecible.
A música de TOR volveu así fundirse coa historia e coa beleza da Torre do Castro, nunha noite na que o folk galego e celta foi o gran protagonista.