A pegada romana da Limia cobra vida en Sandiás coa Furgoteca e Civitas Limicorum

Preto de medio cento de nenos e nenas descubriron a Vía Nova, os miliarios e a Festa do Esquecemento nunha xornada didáctica organizada pola Xunta de Galicia, o Concello de Sandiás e a Asociación Civitas Limicorum

O pasado mércores 8 de xullo, a Furgoteca, o servizo de biblioteca móbil da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Sandiás e a Asociación Civitas Limicorum, organizou unha completa actividade didáctica arredor da pegada romana na comarca da Limia. A Vía Nova XVIII, os miliarios, a mansio Géminas e a Festa do Esquecemento centraron unha xornada na que participaron preto de medio cento de nenos e nenas do PAI de Sandiás e do Campamento de Verán Concilia 2026, acompañados polas súas familias e polo equipo de animación.

A presentación da actividade correu a cargo de Reme Cid, coordinadora do servizo da Furgoteca, quen explicou o desenvolvemento dunha xornada estruturada en diferentes propostas para adaptarse ás distintas idades das persoas participantes.

A Festa do Esquecemento achegouse aos máis novos

A primeira parte da actividade consistiu na presentación da Festa do Esquecemento por parte do presidente da Asociación Civitas Limicorum, Marcos Argibay. Durante a súa intervención ofreceu unha breve charla divulgativa sobre a importancia histórica e cultural desta celebración, seguida da proxección dun documental con diversas imaxes da festa, considerada un dos eventos culturais máis relevantes da comarca da Limia.  Ao remate da presentación, Marcos Argibay respondeu ás numerosas preguntas formuladas polos nenos e nenas, ao tempo que escoitou con atención os seus comentarios e reflexións.

Os máis pequenos experimentaron coa Vía Nova e vestíronse de romanos

Os nenos e nenas do PAI participaron nunha actividade específica adaptada á súa idade. A proposta consistiu na recreación da Vía Nova XVIII mediante unha representación elaborada con cuscús de diferentes cores, permitindo ás crianzas descubrir as texturas das antigas calzadas romanas a través da experimentación sensorial. Esta actividade achegou a historia local dun xeito lúdico, manipulativo e participativo. Ademais, tiveron a oportunidade de probar un casco de soldado romano que lles colocou o propio Marcos Argibay, experimentando así parte da vestimenta da época.

Despois do intenso traballo na recreación da Vía Nova, as crianzas realizaron unha pequena pausa para repoñer forzas cun tente en pé e refrescarse debido ás altas temperaturas.

O alumnado do campamento percorreu a Vía Nova ao seu paso por Sandiás

O grupo do Campamento de Verán Concilia 2026, guiado por Reme Cid, centrou a súa actividade no percorrido da Vía XVIII ou Vía Nova ao seu paso polo municipio de Sandiás, a histórica vía romana que comunicaba Braga con Astorga.

As persoas participantes de maior idade puideron observar e analizar fotografías de diferentes lugares da Limia nos que apareceron importantes restos arqueolóxicos. Entre os exemplos estudados figuraban os miliarios de Vilariño das Poldras, o trazado da Vía Nova xunto á Lagoa de Antela, o miliario de Zadagós e a mansio Géminas, antiga pousada situada xunto á igrexa de Santo Estevo onde os viaxeiros podían descansar e refrescar os cabalos. Para facilitar a actividade, dispuxeron de pequenas tarxetas informativas sobre cada un destes enclaves.

Pola súa banda, as crianzas de educación infantil e dos primeiros cursos de Primaria participaron xunto co alumnado de maior idade, favorecendo o traballo colaborativo e a aprendizaxe compartida entre distintas xeracións. Como complemento, tamén puideron decorar debuxos de miliarios con inscricións en latín e elaborar diferentes colaxes adaptados ás súas habilidades.

Recoñecemento á colaboración

Ao remate da xornada, o concelleiro de Cultura de Sandiás, Pepe Gándara, agradeceu a Reme Cid a iniciativa creativa desenvolvida durante o verán e recoñeceu tamén a colaboración desinteresada de Marcos Argibay en representación da Asociación Civitas Limicorum. Como mostra de agradecemento, fíxoselle entrega dun exemplar da recente publicación Tres puntos de vista sobre el Forum Limicorum, editada pola Fundación Luis Monteagudo.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.