Actualmente, a cifra de españois presentes en Mayotte é de preto de 50. Esta illa, pertencente a Francia e situada na canle de Madagascar, quedou practicamente arrasada. Servizos básicos como hospitais, aeroportos ou colexios presentan danos moi graves. O aeroporto ten inutilizada a torre de control, e o hospital da capital ten inoperativo o 70% dos seus servizos. O porto sufriu grandes danos e está cheo de barcos varados. Ademais, as principais infraestruturas de subministración de auga e electricidade quedaron gravemente afectadas, impedindo o seu funcionamento. As redes de telefonía e internet tamén resultaron moi danadas, dificultando calquera comunicación cos habitantes da illa.
A auga e a comida empezan a escasear, mesmo nos centros de acollida onde se refuxiou parte da poboación. Nos poucos supermercados operativos non se pode pagar con tarxeta, só en efectivo, e os caixeiros están inoperativos. Debido a esta situación, xa comezaron os saqueos ante a desesperación por conseguir algo para sobrevivir. Para entender a magnitude da catástrofe, hai que ter en conta que un terzo da poboación da illa, unhas 100.000 persoas, vivían en infravivendas, na súa maior parte feitas de chapa. Todas elas quedaron destruídas, como se pode ver nas imaxes compartidas.
Entre os afectados atópanse cidadáns españois, entre eles Raquel Trigo, unha veciña do Concello de Sandiás. Moitos perderon as súas casas e todos sufriron as consecuencias dos danos ocasionados na illa. Agora mesmo, só queda agardar que o Goberno español poida organizar a súa repatriación para que, polo menos, poidan pasar o Nadal coas súas familias. Aquela illa paradisíaca á que tanto contribuíron, especialmente no ámbito do ensino, nunca volverá ser a mesma.