
Mediante as obras proxectadas, o Concello de Sandiás pretende manter a liña que lle caracterizou nos últimos anos no seu empeño de dotar aos núcleos do municipio do equipamento mínimo de infraestruturas, logrando o aumento da calidade de vida dos seus habitantes e a mellora das condicións medioambientais dos devanditos núcleos rurais.
A obra está incluída no Plan Provincial de Cooperación as Obras e Servizos de Competencia Municipal e de Estradas correspondente ao ano 2022 cun orzamento base de 48000 euros. A empresa encargada de realizar as obras e EMPRESA CONSTRUCTORA. OBRAS E ESTRADAS CARREIRA BELLA, S.L.
En relación coa Rúa O Cruceiro en Piñeira de Arcos as obras consisten no levante e posta a cota de reixas afundidas e renovación das mesmas, bacheo de zonas puntuais do vial e rexeneración do pavimento existente do vial mediante dobre rega asfáltica.
En relación coa Rúa de Piñeira de Arriba, acometerase a limpeza de caño en lonxitude de 9 metros, limpeza e reapertura de cunetas existentes no camiño, levante e posta a cota do vial de reixas existentes con renovación das mesmas, bacheo puntual, apertura de caixa para aloxar no camiño un sobreancho e rexeneración do pavimento con dobre rega asfáltica. Tamén limpeza de bordos laterais do vial mediante a roza e eliminación de vexetación e residuos varios.
Por último, en relación co camiño na aldea da Lavandeira realizarase limpeza de caños existentes en lonxitude de 15 metros, limpeza e reapertura de cunetas existentes, limpeza de bordos do vial mediante roza e eliminación de vexetación e residuos varios. Por último, rexeneración do pavimento mediante dobre rega asfáltica.