A VIAXE DO PERGAMIÑO E AS CHARCAS DA LAGOA: ACTIVIDADES DA FURGOTECA NO PAI DE SANDIÁS E NO CENTRO ORIXE-ADICCIÓNS NA ALDEA DE ZADAGÓS.
O pasado 28 de Xullo, luns o servizo da Furgoteca da Xunta de Galicia volveu a percorrer as aldeas de Sandiás ofrecendo unha vez máis un elenco variado de préstamos: libros, revistas, prensa, publicacións periódicas, videoxogos, películas en DVD, préstamo de tablets, cómics, recomendacións de lecturas e moito máis. Pero especialmente hai que destacar, ademais do préstamo de libros, as actividades realizadas no PAI de Sandiás e no Centro Orixe-Adiccións situado na aldea de Zadagós e dedicado ás persoas con adiccións nunha contorna tranquila, afastado das présas, os abafos e o estrés do día a dia.
A actividade “A Viaxe do Pergamiño” consistiu en facer unha “ventá” no pergamiño, onde colocaron un papel de forro e pegaron unha flor ou unha póla dunha planta aromática, para despois poñerlle outro anaco de papel de forro (de forma que quede prensada). A continuación cada participante, sabendo que ese pergamiño chegará as mans das persoas maiores dun centro como agasallo, elaboraron unha dedicatoria ou poesía. Os pergamiños utilizábase como soporte para a escritura e as ilustracións. Na proposta da Furgoteca recupérase para que continúe ou seu labor: neste caso, levar palabras importantes e de agarimo entre as persoas.
A actividade “As Charcas da Lagoa” levouse a cabo no PAI de Sandiás. O Concello de Sandiás é un dos concellos da Limia onde se recuperaron pequenas zonas da Lagoa de Antela e tamén no seu momento as areeiras de Sandiás, onde se poden observar multitude de aves e fauna característica da zona. A través da consulta do libro “Antela, a memoria asolagada” e de mostras diversas os nenos e meniñas descubriron as plantas características da zona. Nesta ocasión recrearon unha das charcas da Lagoa onde colocaron algunha plantiña característica. Os nenos e meniñas puideron xogar coa auga e coas plantas e facer transvases e así descubrir a capacidade dos recipientes e tamén o nome das plantas características que se seleccionaron para a ocasión.