Clausura da exposición «Cadernos da Limia: Paisaxe, Identidade e Memoria»

A exposición «Cadernos da Limia: Paisaxe, Identidade e Memoria», do fotógrafo Blas González, chega ao seu fin o domingo 14 de xaneiro cunha dobre programación de actividades.

O sábado 13 de xaneiro, ás 12:00 horas, a Casa da Cultura de Sandiás acollerá a presentación de Antela Editorial, un proxecto de literatura infantil nacido na Limia. No seu catálogo unha ampla colección de títulos que inclúen temas como o coidado da contorna natural, a aceptación do outro ou o valor da amizade.. historias marabillosas e fermosas ilustracións para entreter e educar a sensibilidade dos nenos. Os creadores deste proxecto editorial, Xabier Domínguez, Alba de Evan e Miguel A. Alonso Diz, conversarán co público asistente sobre o seu traballo e asinarán exemplares dos seus libros.

O mesmo día, as 19:00 horas, a Casa da Cultura acollerá unha experiencia única de cinema e música en vivo. A película «O maquinista da Xeral» de Buster Keaton (1926), unha obra mestra do cinema mudo, será acompañada por música en directo interpretada por Caspervek, en formación de trío con Brais González (piano), Andrea González (saxo) e Laura Lorenzo (frauta). Caspervek debutou en 2013 e converteuse nun referente na musicalización de cinema mudo, cun catálogo de mais de 30 bandas sonoras orixinais. A agrupación actuou en 14 países europeos e nalgúns dos principais escenarios nacionais e internacionais. Esta será a primeira vez que o grupo actúe na comarca da Limia.

«Cadernos da Limia: Paisaxe, Identidade e Memoria» é un proxecto fotográfico que explora a identidade limiana e a súa relación coa paisaxe a través dos retratos de máis de 130 persoas da comarca. A exposición, que se inaugurou o 18 de novembro de 2023, complementouse cunha serie de actividades para poñer en valor o patrimonio natural e cultural da Limia.

 

«Estou moi agradecido polo apoio do Concello de Sandiás e a acollida que tivo a exposición», afirma o autor, Blas González. «Foi un pracer compartir o meu traballo co público da Limia e poder contribuír á difusión da cultura desta comarca».

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?