A Concellaría de Xustiza Social e Participación Cidadá do concello pon en marcha a creación dun banco solidario de material ortoprotésico para a atención a persoas veciñas dependentes, en colaboración cos Servizos Sociais do Concello de Sandiás.
Este banco nace para facilitar, mediante o formato de préstamo ou doazón, material ortoprotésico a pacientes que presentan limitacións da autonomía persoal limitadas ou graves e tamén limitacións nos recursos económicos. Nace coa finalidade de facilitar ás persoas coidadoras as tarefas de atención dos pacientes no domicilio e tamén de mellorar a calidade de vida tanto do paciente como do coidador. Desta maneira trátase de minimizar a incidencia de problemas de saúde ao paciente dependente e ás persoas coidadoras, facilitar o acceso ao maior número de persoas posible a este tipo de material e optimizar os recursos existentes. Así mesmo, darlle unha segunda vida aos obxectos que xa non precisamos.
Os materiais que se incluirán son moi variados: cadeira de rodas, andadores, muletas, adaptadores de ducha ou baño, barandillas de cama, colchóns de protección, camas articuladas, etc.
Dende a Concellaría de Xustiza Social e Participación Cidadá faise un chamamento a aquelas persoas, tanto particulares como empresas, que queiran participar neste banco de material, ben sexa persoas con aquel material usado que teñan almacenado e que neste momento non necesitan ou calquera empresa ou particular que queira facer unha doazón de maneira altruísta deste material para que outras persoas necesitadas poidan utilizalo.
Os pasos a seguir son:
- Poñerse en contacto coa Traballadora Social do Concello (988 465 001).
- Cubrir o formulario de préstamo.
Este último pódese cubrir directamente no concello ou ben a través do formulario en liña que se atopa a continuación.