O sábado 24 de Maio no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela realizarase a presentación do libro “Aldeas da Limia Alta” da autoría de Bruno Antón Rúa Martínez, licenciado en Filosofía e especialista en Antropoloxía Social e Cultural.
O seu libro «Aldeas da Limia Alta» cun interesante prólogo mestura de ensaio e narración vital do arquitecto limiao Manuel Seoane Feijóo é unha obra na que cataloga 316 aldeas da comarca da Limia, entre elas as do Concello de Sandiás. Nesta obra o autor quere deixar constancia de todas esas aldeas que poidan acabar baleiras, pero non esquecidas. Na súa obra quere por en valor o mundo rural.
Pódese dicir que imitando a iniciativa da fotógrafa americana hai un século Ruth Matilda Anderson a Galicia e que nas súas expedicións deixounos un enorme legado fotográfico moi útil para o estudo do noso mundo rural, Bruno Rúa realizou un periplo similar durante os últimos vinte anos, rastrexando, recompilando datos e fotografando o patrimonio de varias comarcas visitando aldea por aldea e falando cara a cara coa veciñanza. Unha vez rematado os traballos no val do Támega, decidiu ampliar territorio para continuar co seu proxecto de catalogación de aldeas ata chegar a comarca da Limia.
O seu inmenso traballo de campo queda plasmado nas súas múltiples publicacións sobre varias comarcas como as do Támega, Monterrei, A Limia… Grazas a este traballo ten publicado diversas obras como a significativa Aldeas da Tamagania, Castelo de Monterrei, Aldeas de Conso, frieiras e Viana (e As Portelas), Medeiros, un pobo bimilenario; Capelas, ermidas e santuarios, Igrexas e Mosteiros, Pinturas rupestres. Catálogo de Patrimonio, Os Castros e as súas lendas, Mámoas, ronseis e pedrafitas; Guía arqueolóxica do Alto Támega, Petróglifos do Alto Támega, Cruceiros e Petos das Ánimas, entre outras.
Haberá exemplares do libro Aldeas da Limia Alta no Centro de Interpretación ao dispor das persoas que queiran adquirilos.