O Concello de Sandiás puxo en marcha unha nova edición do Campamento Concilia 2026 con 38 participantes inscritos. Unha iniciativa dirixida á infancia e á mocidade do municipio que busca facilitar a conciliación da vida familiar durante os meses de verán ao tempo que promove hábitos saudables, o lecer activo e a participación en actividades educativas e culturais.
O campamento desenvolverase entre o 22 de xuño e o 4 de setembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, nas instalacións do Polideportivo Campo de San Nicolás. Ademais, as familias poderán deixar aos nenos e nenas a partir das 8.00 horas e recollelos ata as 14.30 horas.
A primeira semana xa deixou unha programación intensa de xogos, obradoiros e actividades formativas pensadas para todas as idades. Os participantes participaron na exhibición da garda civil e protección civil de Sandiás con vehículos policiais, drons, motos e formación de seguridá cidadá, realizaron dinámicas de presentación, creación de carteis de benvida cos nomes dous participantes, xogo da araña, quita córra ao burro, xogo da lura, Karaoke, Yincana ao encontro da mascota do campamento, saltos de aros e canastra, a ponte, zi zag, crebacabezas, brincadeira estanque, ra, folla e crearon ou seu propio slogan do campamento : “Campa Sandiás 2026“.
Ao longo do verán, os participantes desfrutarán dunha ampla variedade de propostas didácticas e recreativas, entre elas baños de auga, xogos populares, coreografías, escape room, contacontos, manualidades, globoflexia, malabares, karaoke, baile, actividades sobre consumo responsable e excursións destacando especialmente ao parque acuático de Monterrei.
O Campamento Concilia 2026 está xestionado por Atelier Social, entidade especializada en proxectos sociais, que achega un equipo de profesionais cualificados, así como todo o material didáctico e o equipamento necesario para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Con esta iniciativa, o Concello de Sandiás reafirma o seu compromiso coa conciliación familiar e cun modelo de lecer educativo que favorece a convivencia, a creatividade, a adquisición de valores e o desenvolvemento persoal da infancia e da mocidade durante as vacacións estivais.