Con esta visita acontecida o venres, 23 de abril, xa van nove visitas guiadas ao magnífico templo tardogótico de Sandiás. Neste caso, a visita tivo un carácter especial xa que acudiron a ela concelleiros e persoal técnico do propio concello, poñendo de manifesto que hai patrimonio artístico-creativo moi preto de nós que merece ser coñecido e valorado.
Chegouse ao aforo completo. Moitas grazas a Xeitura, ao párroco e aos asistentes.
O rural atesoura un rico patrimonio que, moitas veces, mestura a arte coa relixiosidade. É o caso do belo conxunto que forman en Sandiás a igrexa de Santo Estevo, a Rectoral e o antigo Cruceiro preto do Camiño Real, do Camiño de Peregrinación e ao carón da Vía Nova XVIII, romana.
A Igrexa, de estilo entre o tardogótico e renacentista, foi construída «antes de 1520», polo Mestre de cantería portugués, Bartolomeu Nosende.
O templo conserva no seu interior o retablo renacentista de Francisco de Moure, as portas manuelinas da fachada principal (Oeste) e lateral (Norte) e unha fermosa bóveda de cruzaría xa renacentista.
Para visitar a igrexa, reserva data chamando ao 988 440 831 (Ext. 1).