Concerto de música de cámara, espectáculo de maxia, cantar os reis, campaña de solidaridade e o show navideño co grupo musical priscila, no nadal de Sandiás

Sandiás terá este Nadal unha programación de actividades para todos os públicos. Desenvolveranse seis temáticas propias destas festas: ambientación ou decoración, festa para os máis pequenos, música de cámara, maxia, recuperación de tradicións como os Reis Meigos e Cantar os Reis, a quinta campaña de solidariedade e o Festival co grupo Priscila. O programa foi presentado polo alcalde, Felipe Traveso, e os concelleir@s de cultura (Pepe Gándara), e a de xustiza social e participación cidadá (Pilar Cabrera).


En relación coa ambientación e decoración volve á casa do concello, a casa, o tren, os coellos, cervos, a ponte, o pescador e a presenza da torre do Castro, emblema simbólico do concello. A decoración abarcará tamén ás 18 aldeas do concello con pequenos pero significativos motivos do Nadal que acendan a maxia e a ilusión dos veciños nestas festas. O material será como sempre de baixo custo e con material reciclado modelado de maneira entusiasta polas brigadas do concello e a axuda de veciños.


A festa para os máis pequenos estará protagoniza polo alumnado do Ceip de Sandiás e os máis pequenos do Punto de Infantil (PAI). Celebrarase coa colaboración do concello, do Ceip, o PAI e o Ampa de Sandiás. Ademáis de sorpresas preparadas polos cativ@s, animará o ambiente o grupo Priscila coa súa versión de “Versións de Nadal”. Haberá sorpresas ao final. Celebrarase o 22 Venres de Decembro ás 19.00 h no Salón de Actos e Local Social do Concello.


A música terá tamén o seu protagonismo no Nadal de Sandiás. Abriremos o Nadal co II Concerto de Coro de Cámara “Madrigalia” (A Coruña) que tanto éxito tivo na súa primeira edición do ano pasado. A Igrexa de Santo Estevo é unha magnífica contorna onde estará de protagonista a boa sonoridade da nave central e o retablo do famoso escultor Francisco de Moure da Igrexa de Santo Estevo. Será o xoves, 21 de Decembro ás 19.00 h da tarde.


Non podía faltar nestas festas un espectáculo de maxia (“Un día máxico”) protagonizado polo mago e ilusionista Mago Albert. Terá lugar o Venres, 29 de Decembro ás 20.00 h na Casa de Cultura. Tamén contos de Nadal para os máis cativos narrados coa colaboración de Cristina, coordinadora do Punto de Atención Infantil (PAI).


O tradicional Nadal é un bo momento para recuperar ou manter tradicións. Neste caso teremos a Visita dos Reis Meigos aos máis pequenos (Venres, 5 xaneiro pola tarde) e recuperamos por segundo ano a tradición do Cantar os Reis en colaboración co CDR O Viso (Venres, 5 de xaneiro pola mañá).


Finalmente, hai que destacar a V Campaña de solidariedade ao redor da recollida de diñeiro, alimentos e roupa coordinada entre o concello e as parroquias de Piñeira, Couso e Sandiás. Deu comezo o 14 de Novembro e finalizará o 20 de Decembro. Os alimentos irán ao Banco de Alimento de Ourense, a roupa ao almacén de Cáritas do arciprestado de Xinzo de Limia e o diñeiro doado investirase en gran parte na potenciación do comercio local do concello.

 

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?